O PP impide a titulación de grao na escola de Restauración de Pontevedra

A deputada do BNG, Monte Prado reclamou á Xunta facer uso das súas competencias e adscribir á Universidade os estudos da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais

Montse Prado responde á conselleira de Sanidade

Os votos desfavorables do PP impediron que prosperara a iniciativa nacionalista defendida pola deputada do BNG, Montse Prado relativa á adscrición da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galiza á universidade.

A deputada iniciou a súa intervención lembrando o alumnado da Escola Superior de Restauración de Pontevedra que tras unha marcha con saída de Pontevedra o pasado martes percorría as rúas de Santiago reivindicando a titulación de grao, baixo o lema “Os defraugraos”, á mesma hora que tiña lugar na Cámara galega o debate da iniciativa do BNG.

Montse Prado reclamou a consideración de “estudos universitarios” para as escolas superiores de ensinanzas artísticas coa titulación de grao e afirmou que algunhas comunidades autónomas fixérono utilizando a lexislación educativa que posibilita a integración, “desta maneira, dixo, os estudos de restauración e conservación foron transformándose en graos universitarios” ao igual que os estudos de conservatorio e arte dramático.

Para a parlamentaria non existe ningún escollo a hora de acadar a titulación de grao na Escola de Restauración de Pontevedra xa que existen antecedentes entre os que destacou a Escola Naval de Marín e a de Negocios de Caixa Nova, “a Xunta, nestes casos non puxo inconveniente algún”.

A deputada aludiu ao alumnado que iniciou os estudos no curso 2010-2011 coa perspectiva de acadar o grao universitario como reflectía a matricula e que na actualidade, apiques de rematar os estudos, vive coa “incertidume” de acadar esa titulación universitaria.

O alumnado “defraugrao”

Os alumnos e alumnas levan semanas mobilizando e reivindicando a titulación de grao e intensificando esta demanda porque durante ano e medio agardaron por unha xuntanza co conselleiro de Educación. A deputada anunciou que o alumnado seguirá coas mobilizacións porque a “solución é legal e posible” e mesmo a actual LOMCE permíteo.

Neste sentido, asegurou que a Universidade de Vigo está disposta a acoller a titulación, “só é unha cuestión de vontade política” e o BNG defende hoxe esta iniciativa como primeiro paso para regular a titulación de grao a través das competencias da Xunta en materia de educación.

 O alumnado galego obrigado a estudar fora do país

Na quenda de réplica, a nacionalista respondeu ao portavoz do Partido popular, Román Rodríguez que noutras partes como Portugal estes estudos teñen a consideración universitaria e se o Goberno galego non resolve concederllela á escola de Restauración “moitos alumnos e alumnas galeg@s serán condenados a estudar noutros lugares para poder competir en igualdade de condicións no mercado laboral”.

A deputada, que vestía unha camiseta contra a LOMCE, rematou a súa intervención negando os argumentos do portavoz popular que afirmou non existir ningunha diferenza na titulación actual “non me creo, dixo Prado que a titulación actual coloque ao alumnado nas mesmas condicións que a de grao porque de ser así, o alumnado non marcharía a estudar a Asturias ou Portugal para acadar a condición universitaria”

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG