parlamento galego

PP impide no Parlamento un acordo para dar unha solución ao problema da sinistralidade nas avenidas do concello de Cee

Daniel Pérez
Daniel Pérez

Daniel Pérez: “Hai pouco máis dun mes Ethel Vázquez amosaba o seu apoio á transformación da entrada da vila. O que procuramos nesta iniciativa é transformar o electoralismo da conselleira nun compromiso real”

 

O BNG levou á Cámara unha proposta para actuar nas avenidas do concello de Cee e mellorar a súa seguridade viaria, proposta exposta co obxectivo de obter a unanimidade de todas as forzas e da que os Populares se quixeron desmarcar.

O deputado da Costa da Morte, Daniel Pérez, fixo referencia á alta sinistralidade das vías C-552 e C-550, que constitúen as principais arterias de comunicación do municipio, e cruzan o centro deste cos nomes de Avenida de Fisterra e a Avenida Fernando Blanco. “Son reiterados, no tempo e no espazo, os atropelos en ambas vías. A causa deses atropelos atopámola, na maior parte das veces, na falta de seguridade para os peóns. No caso da C-552, chegou a ter uns índices de sinistralidade tal que concentraba no ano 2000 o 30% por cento dos ‘puntos negros’ da rede viaria galega”, advertiu.

Malia as actuacións levadas ao cabo ao longo do tempo, “esta sinistralidade persiste”, incidiu o deputado do Bloque, que puxo o foco no feito da titularidade autonómica das vías xa que “existe un problema grave dende hai moitos anos, o que buscamos nesta iniciativa é que unha vez por todas o Goberno do PP asuma as súas competencias nas vías de titularidade autonómica”, reclamou; emprazando, ademais, ao Executivo do PP a asumir “a súa obriga, cremos que hai posibilidade de que se chegue a un acordo, a un convenio, entre Xunta e goberno municipal porque é imperativo poñerlle solución”.

“O PP non debera ter problema en dar o seu apoio”, remarcou Pérez, “xa que fai pouco máis dun mes a señora Ethel Vázquez amosaba o seu apoio á transformación da entrada na vila fora máis segura. O que procuramos nesta iniciativa é transformar o electoralismo da conselleira nun compromiso real”, determinou, declarando a coincidencia de todos os grupos “na necesidade de previr o altísimo número de accidentes. Non creo que se entendese en Cee o voto contrario”.

Malia as apelacións do deputado da Costa da Morte, o PP negouse á proposta de acordo na que se emprazaba á Xunta a elaborar un proxecto de urbanización da C-552 na saída do centro urbano cara A Coruña, dende a coñecida como rotonda “do Lar” até o cruce coñecido como “Cruce de Roget”, así como a inclusión de espazos peonís alí onde non existan e, nomeadamente, na zona onde radican varios supermercados de alimentación e comercios, así como na subida de Bazarra, xunto coa mellora das sinalizacións.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG