O PP continúa agochando ao Parlamento os proxectos para acceder aos fondos Next Generation

Noa Presas
Noa Presas
Noa Presas criticou a “falta de transparencia e diálogo” da Xunta e cualificou a comparecencia do conselleiro Conde de “propaganda autoexculpatoria”

A portavoz en materia de economía do BNG, Noa Presas respondeu ao conselleiro de Economía, Empresa e Innovación,  Francisco Conde que despois da “súa terceira comparecencia”  na comisión para a reactivación económica, social e cultural de Galicia pola crise da COVID,  “o goberno continua sen dar información dos proxectos para acceder aos fondos europeos de recuperación”.

A deputada reiterou que as comparecencias do titular de economía teñen un resultado “insatisfactorio” e criticou a falta de  documentación previa. Medio minuto antes da miña intervención, explicou a  nacionalista, recibimos  unha lista cos nomes dalgúns proxectos. Algo é algo, porque a “falta de transparencia” no envío de documentación do goberno “é total”. Vostede veu aquí, afirmou Presas, a “autoexculpar a estratexia do Goberno galego e finxir que hai un debate democrático e profundo que non existe”.

Durante os últimos meses desta comisión, o BNG solicitou en trece ocasións, a través do artigo nove, a documentación dos proxectos anunciados pero o único que recibimos foi un documento da Consellería de Política Social cunha lista de proxectos sen detalles para poder debater a conveniencia dos mencionados proxectos.

Presas aludiu ao novo modelo de residencias de maiores do que dixo, en xeral podemos concordar pero cando vostedes afirman que unha residencia xestionada de maneira privada é pública porque a matriz é pública “nos imos discrepar”. Este é un exemplo que podería ilustrar moitos outros.

Ante o inminente remate do prazo para presentar os proxectos, a deputada reiterou que o goberno galego se caracterizou “pola falta de transparencia na rendición de contas e unha inexistente participación”. Hoxe, ven vostede a esta comisión a vendernos que estas son as liñas mestras coas que todos concorremos aos fondos europeos pero iso “é falso”,  son as liñas do goberno que se negou a ter  ao seu lado á oposición.

A estas alturas, seguimos tendo un mínimo de detalles que non nos permite valorar os proxectos como o “Auto Áncora”, un proxecto público coa implicación de 85 empresas e centros de investigación, pero unha vez, máis atopamos que o Parlamento carece de información sobre a estratexia para automoción.

Dende a última comparecencia, o 15 de decembro, o goberno galego aprobou dous proxectos para a reactivación económica, a Lei de simplificación administrativa e os orzamento da Xunta pero en ningún momento quixeron “tender a man á oposición” ao igual que fixeron co diálogo social no que pecharon as portas á primeira forza sindical galega, CIG, co maior número de afiliados e afiliadas en Galiza porque  a vostedes “non lles gusta escoitar críticas”.

A deputada tamén se referiu ao anuncio do goberno sobre a participación dos pequenos e medianos autónomos na estratexia dos fondos europeos sen embargo, dende o BNG desconfíamos, xa que polo momento só coñecemos os nomes e apelidos que vostedes ofrecen nas notas de prensa e nos concellos da Xunta nos que   nomean a “grandes empresas” en moitos casos eléctricas.

Noa Presas tamén criticou o cambio de rumbo, en cuestión de semanas, das medidas aprobadas na  Lei de simplificación coa creación da empresa pública-privada para acelerar os novos proxectos empresariais. Nun principio, dixo comprometeron  dous millóns de euros pero agora xa son cinco. Neste caso, recalcou, “descoñecemos tamén que empresas participarán neste proxecto e cales non”.

Sobre o I+D+i, a nacionalista reiterou que non existe información sobre os compoñentes innovadores que exixen os proxectos para seren considerados aptos. Nesta comisión puidemos constatar como os reitores das universidades mostraban as súas queixas neste ámbito e a súa exclusión nesta estratexia. “Non podemos prescindir do noso capital innovador e a consellaría continua sen indicarnos como participarían”. Un proceder  que a deputada tildou de “torpeza e  debilidade”.

Finalmente, a nacionalista recalcou que na comparecencia de Francisco Conde non existiu “definición, transparencia nin participación”.  A Xunta coloca o “pin” de autogoberno pero logo non o exerce para negociar co Estado para beneficiar a Galiza.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG