O PP bota balóns fóra contra a violencia machista, derivando toda responsabilidade nos concellos

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil lamentou, que unha vez máis, o PP impedira que prosperara a iniciativa nacionalista para aplicar o IPC ás prestacións económicas das vítimas de violencia de xénero, recursos económicos e humanos  para os actuais  CIM e a creación de novos centros nos  concellos que carecen deste servizo

Nas vésperas do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia machista, a deputada do BNG, Olalla Rodil defendeu unha moción co fin de acadar o apoio da Cámara galega ás mobilizacións convocadas polos movemento feminista e á reivindicación do dereito das mulleres a vivir sen violencia de xénero.

Na defensa da iniciativa, Rodil explicou que foi o movemento feminista quen puxo no centro do debate público e político os dereitos das mulleres,  “quen nos trouxo a vostede e a min até aquí, quen pelexou e loitou polos nosos dereitos civís e políticos como mulleres, para que puidésemos votar e ser votadas; divorciarnos, ser donas do noso corpo ou traballar fóra da casa e cobrar un salario digno ou abrir unha conta bancaria sen pedir permiso aos nosos maridos ou pais”.

Tras remarcar  que a igualdade de xénero é un dereito fundamental” e principal piar  para construír un mundo “pacífico, próspero e sustentábel” reclamou o compromiso do goberno galego para  dotar de máis orzamentos os recursos e servizos públicos dirixidos a loitar contra a violencia machista.

“Máis orzamentos para ser máis fortes, colectivamente, contra o machismo, a  discriminación por razón de xénero e a violación dos dereitos das mulleres que é, ao fin e ao cabo, unha violación dos dereitos humanos”.

Entre as proposta do BNG,  Rodil urxiu ao goberno  destinar o 1% do investimento da Xunta de Galiza, “1 de cada cen euros” para loitar contra as violencias machistas, ao que sumou  a reforma da  resolución de convocatoria das prestacións económicas para vítimas de violencia machista e incrementar as contías ante a  brutal crise de prezos que estamos a padecer.

Por outro lado, tamén avogou por  á  abrir un proceso de diálogo e negociación entre a FEGAMP e a Xunta para   impulsar unha reforma do Decreto que regula a rede galega de CIM e a convocatoria de axudas para o financiamento do servizo.

Tras a intervención da portavoz popular, Noela Pérez que trasladou toda a responsabilidade dos CIM ao concellos, Rodil replicou que o financiamento estrutural por parte da Xunta “é unha garantía de sostemento do servizo e prestacións con criterios de equidade social e territorial e o  acceso das mulleres galegas a servizos de atención, asesoramento, acompañamento  e información  “non pode depender de se viven nun concello ou doutro. A calidade do servizo que se lle presta tampouco pode depender de se viven nun concello con máis ou menos orzamento”.

 Nesta liña, lembrou que  aportación da Xunta de Galiza ao mantemento estrutural do servizo é o mesmo dende hai  13 anos, “45mil euros para un CIM”. A xuízo da  deputada, hai un infra-financiamento que ilustrou con dous concellos: o centro da Coruña para atender  a 131.662 mulleres sen persoal administrativo, orientadora laboral nin axente de igualdade e cunha  vogada que  atente anualmente a 800 mulleres ademais de asumir a elaboración de informes, escritos e demais documentación que deben acompañar  ao procesos xudiciais, mesmo para acceder a programas da Xunta de Galiza como a atención psicolóxica.

Por outro lado, no concello de Vigo, a Xunta aporta 45mil euros para o salario da avogada e a psicóloga que atenden ao ano a máis de mil mulleres, moitas delas con varias consultas e seguimento.

“Con estes vimbios o que trasladan as traballadoras do CIM é que non dan feito”. Cada vez teñen máis atribucións.

Rodil tamén denuncio a situación do  Colectivo LGBT  cunha rede que “dorme os soño dos xustos” porque non conta con recursos nin persoal, e para mostra, dixo, os Centros Quérote.

A parlamentaria nacionalista reiterou a necesidade de incrementar o orzamento e a achega da Xunta co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM facendo especial énfase na creación destes centros naqueles concellos e comarcas nos que actualmente non existen ou están sobrecargados,  incrementar a contía económica máxima que a Xunta de Galiza achega para o financiamento estrutural dos CIM incorporando tamén rateos mínimas de persoal en función do número de mulleres potencialmente usuarias do servizo,
ampliar o persoal obrigatorio para a acreditación do CIM incorporando de maneira específica e como mínimo: persoal técnico en igualdade “axentes de igualdade” que desenvolvan labores de prevención e sensibilización; e persoal administrativo que libere á psicóloga e á avogada destas funcións para que poidan centrarse na atención das mulleres.

 

Medidas concretas, realistas e perfectamente factibles que poden, “se hai vontade política, aplicarse este mesmo ano”, concluíu.

 

A iniciativa nacionalista non contou co apoio do grupo maioritario do Partido popular.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG