O BNG pide a devolución das leis de Caza, Emprendemento e Racionalización do sector autonómico por incoherentes, inútiles e erráticas
O grupo parlamentario do BNG rexeitou hoxe os tres proxectos de lei do Partido popular que inician a súa tramitación parlamentaria e pediu a devolución dos textos lexislativos por incoherentes, inútiles e erráticos.
O PP chama emprendemento ao autoemprego e fomento de autonom@s
Deste xeito comezou a súa intervención a deputada Carme Adán na súa defensa da emenda á totalidade presentada polo BNG ao proxecto de lei do emprendemento e da competitividade de Galiza.
Hoxendía os xoves precisan postos de traballo e lei de empredemento non vai resolver esta cuestión, non ten orzamento nin obxectivos e confirma o dito neodarwinista de búscate a vida como poidas.
O maior problema para constituír unha empresa é o financiamento, afirmou, e esta lei só consigna catro millóns de euros e o IGAPE baixa 50 millóns de euros para o 2014.
En Galiza o 62 por cento das empresas son individuais e o 26 por cento do emprego é por conta propia o que demostra, dixo, que existe un grave problema para crear emprego.
Lei cega ao xénero que discrimina dobremente ás mulleres emprendedoras
Despois dun acedo debate co portavoz popular Pedro Arias, Adán cualificou de lei cega ao xénero o tratamento dedicado ás mulleres emprendedoras e pediu retirar o enunciado apoio especial ás mulleres, porque as mulleres, dixo non queremos apoio especial, queremos igualdade de dereitos. Adán tamén criticou o apartado da lei que aglutina ás emprendedoras con persoas con discapacidade e persoas en risco de exclusión social, sempre o mesmo, recriminou.
Queremos medidas de acción positiva e igualdade de dereitos para que as mulleres poidan acceder ao mercado laboral e participar na sociedade en todos os eidos e en concreto, no empresarial.
A deputada explicou que o propio CES explícita que o concepto de emprendedor e actividade emprendedora non aparecen convenientemente recollidos no anteproxecto sen embargo, o PP non modificou este extremo. Carme Adán reiterou que a lei é inútile non vai favorecer a creación de empresas polo que volveu pedir a súa devolución.
O PP aposta por un modelo elitista de Caza en Galiza
Ana Pontón principio a súa intervención no debate da Lei de Caza aludindo ao fatídico accidente de caza que esta fin de semana acabou co vida dun rapaz de 17 anos na parroquia de Santa Cristina en Guntín, Lugo, e reafirmouse nas súas críticas a un proxecto de lei que non contempla a coordinación en vixilancia e seguridade nin o aproveitamento da caza nos montes galegos.
O Proxecto defendido hoxe polo conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández foi rexeitado pola deputada nacionalista, que pediu a súa devolución por representar un modelo elitista e alonxado da realidade galega, non resolve os problemas da fauna en cultivos de particulares e explotacións.
Sobre as axudas por danos, a parlamentaria desvelou que a memoria económica non supón ningún custe polo que a Lei non vai a cambiar nada, ademais dos recortes,ironizou as axudas quedan sempre sen pagar.
Pontón tamén criticou o texto lexislativo por non contemplar a conservación de especies, non garante a formación, non atende os recursos cinexéticos e non incide na resolución do desaproveitamento dos montes.
Finalmente a parlamentaria negou que exista consenso como afirma o PP, os grupos da oposición estamos pedindo que a lei non sega adiante porque inclúe aspectos que empeora a lexislación anterior.
Proxecto de lei de racionalización do sector público autonómico
A pesar de non ser unha iniciativa nova, o PP volveu levar ao Parlamento o proxecto de lei sobre a racionalización do sector público.
Para a deputada do BNG, Tereixa Paz, o PP perdeu hoxe a oportunidade de regular o financiamento público-privado de maneira que seguen vostedes hipotecando o futuro das vindeiras xeracións.
Paz asegurou que a proposta do PP tampouco limita as asistencias técnicas e mesmo as utiliza para cubrir postos de traballo de persoas despedidas.O proxecto de Lei é errático e inútil para a cidadanía e pediu a súa devolución por tratarse dun texto incoherente.