Pontón pide a Rueda que rectifique e que ás persoas maiores de 80 reciban a 4º vacina da COVID nos centros de saúde

Ana Pontón
Ana Pontón

Considera “inaceptable” obrigalas a ir aos vacinódromos ou esperar a unha “repesca” , nun momento en que a propia Consellería de Sanidade está dicindo que aumentan os contaxios

“Debe primar é o benestar das persoas maiores e deben rectificar”, alega

A portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao presidente da Xunta que rectifique dunha vez por todas para permitir que as persoas maiores de 80 anos reciban a cuarta dose contra a COVID nos centros de saúde en lugar de obrigalas a ir aos vacinódromos, impoñéndolles percorridos de máis de cen quilómetros co que iso implica de molestias, gastos e intranquilidade, ou esperar a unha “repesca” sen especificar como nin cando, e todo isto nun momento en que a propia Consellería de Sanidade está alertando dun aumento dos contaxios.

“É inaceptable porque o que debe primar é o benestar das persoas maiores e o seu dereito á saúde”, recalcou Pontón, que pide a Rueda que dea marcha atrás en lugar de empeñarse nunha medida inxusta que está sendo moi contestada polas persoas maiores, con denuncias continuas nos medios de comunicación, ás que o Goberno do PP non pode seguir facendo ouvidos xordos.

“Que rectifique e se permita que as persoas maiores de 80 anos reciban a cuarta dose nos centros de saúde, como se fixo até agora, porque non hai ningunha xustificación para obrigalas a ter que desprazarse até unha hora e medida do seu lugar de residencia”, demandou Pontón, quen advertiu que a decisión do Goberno do PP “está xerando moita inquedanza entre as persoas afectadas que non entende que se lles obrigue a ir aos vacinódromos ou se lles obrigue a esperar a unha repesca”.

“Estamos falando de dificultades reais, que están sendo denunciadas a diario nos medios de comunicación, onte mesmo no BNG recibíamos a denuncia da familia dunha señora de Rodeiro, Ramona, nonaxenaria, a que lle leva máis dunha hora chegar ao vacinódromo do Gaiais en Santiago e ten cita para ás 20.00 horas, alguén pensa que ese é o trato que ten que recibir unha persoa de 90 anos?”, interpelaba Pontón.

E son moitos os exemplos de concellos a 50, 70 ou cen quilómetros do vacinódromo máis próximo, como é o caso da Fonsagrada, “que ademais non teñen transporte público pero están citando ás persoas maiores para acudir ao HULA e senón tes un familiar iso supón cen euros en taxi para unha persoa pensionista. É inaceptable o que o que está facendo o Goberno do PP e o que lle pedimos é que rectifiquen dunha vez”, reclamou.

“Teñen que poder vacinarse nos centros de saúde, coas mínimas molestias, que sexa un proceso rápido e no que prime o benestar das persoas maiores e non hai ningunha razón para este cambio de criterio que xera inseguridade, porque o que fai o SERGAS é impñer os vacunodromos ou ben esperar por unha repesca sen especificar con que criterios, e todo isto nun momento no que o propio Goberno do PP está dicindo que están aumentando os casos de contaxio por COVID”, insiste. “Que rectifiquen e poñan por diante de todo o benestar das persoas maiores”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG