Co obxectivo de acadar a máxima transparencia e rigor técnico, o Bloque Nacionalista Galego (BNG) anuncia o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado demandando que faga públicos os datos recollidos para a declaración das zonas vulnerábeis por nitratos na Galiza. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera fundamental garantir estes dous aspectos –transparencia e rigor- na delimitación destas áreas polo que insta o Goberno a facer públicos os informes e estudos que sustentan a decisión levada a cabo pola Xunta de Galiza mentres denuncia a pasividade do Goberno galego que non impulsou un Plan de Acción Específico nin axudas complementarias ao sector agrogandeiro galego.
No marco da campaña do BNG en relación coa Declaración de Zonas Sensíbeis a Nitratos, o deputado do BNG solicita a Transición Ecolóxica todos os datos e informes emitidos e que foron empregados pola Xunta para este fin. Rego presenta as iniciativas acompañados por cargos institucións do BNG en diferentes concellos do País: alcaldes de Santiso e San Sadurniño, concelleiras de goberno en Moeche, portavoces municipais en Trazo, Cambados, Meis, Valdoviño e Melide.
"Estamos diante dunha actuación que non é nin clara nin rigorosa” advirte Rego, quen destacou que a Xunta tivo tempo -tres anos- desde a aprobación do decreto para desenvolver un plan propio con medidas preventivas e axudas para adaptar a actividade agrogandeira cara a un modelo máis sustentábel. Pola contra, mantívose nunha postura pasiva, sen abordar o problema da contaminación das augas por nitratos con solucións estruturais.
O decreto aprobado polo Goberno do Estado, lembra o deputado, estabelecía tamén que as Comunidades Autónomas que aprobasen un Plan de Acción Específico, en función da posibilidade da aplicación dese plan, ficarían eximidas de facer estas declaracións de zonas vulnerábeis por nitratos.
Información completa e actualizada
O BNG reitera a súa preocupación pola calidade das augas e pola necesidade de evitar a contaminación difusa por nitratos. Por este motivo, demanda ao Goberno do Estado información detallada sobre a recollida de datos, así como a súa actualización para disipar calquera dúbida sobre a delimitación das zonas vulnerábeis. Segundo explica o deputado do BNG, a información está “desactualizada” porque o período de recollida de datos foi de entre 2016 e 2019.
Rego puxo como exemplo da falta de transparencia e inexactitude un caso coñecido onde a análise nun concello derivou na declaración dunha zona vulnerábel no concello limítrofe sen unha xustificación clara. "Queremos transparencia e datos actualizados. A delimitación das zonas debe basearse en criterios técnicos sólidos e non en decisións arbitrarias" afirma o deputado nacionalista.
O modelo intensivo e as macroplantas de biogás: un problema agravado
O BNG tamén denuncia que o modelo agrogandeiro galego está a virar cara a unha intensificación forzada, impulsada pola entrada do Estado español na Unión Europea, o que está a aumentar o problema da contaminación das augas. "Pasamos dunha gandería tradicional a pequena escala a un modelo intensivo que require unha xestión máis eficiente dos residuos. A Xunta debe poñer os medios para camiñar cara a un modelo máis sustentábel" reclama Rego.
Neste sentido, o deputado alerta que a aposta da Xunta polas macroplantas de biogás non solucionará o problema, senón que o agravará. "A proliferación destas instalacións, como o caso da planta de Coeses en Lugo, recentemente rexeitada polos seus impactos sociais e ambientais, demostra que a Xunta actúa ao servizo do lobby enerxético no canto de buscar solucións reais” critica.
Un cambio de políticas para garantir a calidade da auga e o futuro do sector
Para o BNG, a solución pasa por un cambio nas políticas públicas que permita garantir tanto a calidade das augas como a continuidade da actividade agrogandeira, fundamental para Galiza. "Non pode ser que a mesma Xunta que di que a auga é o futuro, como afirmou a conselleira Ángeles Vázquez, estea impulsando proxectos como a planta de Altri e actuando como comercial dunha empresa lusa" di Rego mentres cualifica esta posición como "hipócrita".
“O Bloque Nacionalista Galego continuará fiscalizando a actuación das administracións e exixindo medidas claras para protexer os recursos hídricos e apoiar un modelo agrogandeiro sustentábel que garanta a viabilidade do sector e o equilibrio ambiental” sentenza o deputado nacionalista no Congreso.