Ana Pontón coloca Soutomaior como exemplo de bo goberno BNG capaz de transformar, xestionar e mellorar a vida da veciñanza

Acto Soutomaior
Acto Soutomaior

No acto de balance no ecuador do mandato, felicita a todo executivo e destaca de Lourenzo terse convertido xa no mellor alcalde de Soutomaior

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto organizado polo BNG de Soutomaior para celebrar e facer balance no ecuador do mandato, acto que aproveitou para felicitar a Manuel Lourenzo, “sen dúbida o mellor alcalde que tivo nunca este municipio”, así como a todo o executivo local polo “excelente” traballo feito, parabéns que fixo extensivos a todos e cada un dos concelleiros e concelleiras que, tanto agora como ao longo dos anos na oposición, deron o mellor de si a favor de Soutomaior.

“Estades demostrando como un grupo de persoas honradas, serias e solventes poden construír un futuro ilusionante, mellorando a vida da veciñanza”, indicou, “sei que a política municipal non é fútbol, pero se fora, o BNG ten o dream team da política municipal e por iso os concellos onde gobernamos son un exemplo de como facer ben as cousas a favor da maioría social”, explicou na súa intervención.

Acto Soutomaior
Acto Soutomaior

Pontón destacou que en apenas dous anos, o goberno do Bloque en Soutomaior xa puxo en marcha un modelo de urbanismo pensado para as persoas, recuperando espazos públicos para favorecer a interacción social; foi capaz de facer unha boa xestión e sanear as contas para dispoñer de recursos que poder investir no que precisa a veciñanza.

O goberno que lidera Lourenzo, subliñou, converteu Soutomaior nun concello que aposta pola lingua e cultura, nun concello feminista que defende a igualdade real das mulleres, “en definitiva, Manu Lourenzo e todo o seu equipo son un exemplo da capacidade do BNG para poñer en marcha concellos que funcionan e a favor das persoas”, sintetizou.

A líder do Bloque fixo referencia ao modelo municipal de excelencia do BNG, un modelo que funciona, que é referente dentro e fora de Galiza, un modelo sustentando na confianza no País, vangardista, eficaz na xestión e que practica a democracia participativa.

Acto Soutomaior
Acto Soutomaior

“Os nosos gobernos municipais son un éxito porque teñen amor e confianza no País, porque temos a firme convicción de que se pode vivir mellor en todos e cada un dos concellos, superando todas as barreiras e todos os obstáculos”, explicou, aplicando solucións de vangarda aos retos que temos sobre a mesa como o cambio climático, a transición enerxética, a mobilidade sustentable, defensa de servizos públicos de calidade, atender ás necesidades da veciñanza.

“Cantos concellos que estaban en decadencia pasaron a ser un referente da man dun goberno do BNG? Todos e cada un dos concellos que gobernamos iniciaron un camiño de futuro, de ilusión, de avance”, indicou na súa intervención.

Outra das características do gobernos municipais e a xestión transparente e eficaz, conseguindo concellos que funcionan; con dinamismo económico e social, e teñen tamén como sinal de identidade fomentar a participación da veciñanza nos asunto públicos “porque son profundamente democráticos, lonxe de favoritismos, porque todas as persoas son tratados por igual”.

E hai outro factor que impregna o modelo de éxito do BNG, alegou líder nacionalista, en referencia ao “capital humano”, alcaldesas e alcaldes como Manu Lourenzo, concelleiros e concelleiras, como todos e todas as que compoñen o goberno local de Soutomaior, “demostrando cada día que non están no concello para quentar a cadeira, senón para suar camiseta polos vosos veciños e veciñas”.

Pontón concluíu destacando os “inmensos” retos que ten que afrontar o BNG no complexo contexto actual para construír unha Galiza mellor, e contribuír, desde aquí a un mundo máis xusto e en paz, “actuando con humildade, con confianza, sempre coa man tendida e cun sorriso na boca, como estades facendo aquí en Soutomaior e en todos os concellos que lideramos”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG