A portavoz nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista ás eleccións europeas, Ana Miranda, pediron a mobilización o próximo 9 de xuño das mulleres, ás que instaron a coller masivamente a papeleta do BNG para contar cunha voz firme en Europa en defensa da igualdade real e o feminismo.
Nun acto con mulleres desenvolvido baixo o lema ‘Nin un paso atrás. Feminismo para avanzar’, Pontón pediu a confianza das galegas para defender “unha Europa feminista e da igualdade real”, unha Europa, recalcou, “na que teñamos o dereito a decidir sobre o noso corpo”.
“Pídolles que confíen no BNG para combater o negacionismo, ese que nos grita feminazis única e exclusivamente por dicir que nesta sociedade hai violencia contra as mulleres”, engadiu para reafirmar a posición nacionalista fronte “a esa caverna” e en favor dunha Europa feminista na que as mulleres poidan “ser libre e iguais”.
Nunha cita electoral na que Galiza se xoga moito, a líder nacionalista puxo o foco no moito que tamén se xogan as mulleres nun momento no que os seus dereitos, a igualdade e a loita feminista están sendo cuestionadas polo avance da extrema dereita e por un “Partido Popular cada vez máis ultra”.
Neste sentido, recordou que Alberto Núñez Feijóo foi “precursor” en Galiza das políticas que logo levaron adiante as coalicións do PP coa extrema dereita por todo o Estado, cando á súa chegada á presidencia da Xunta en 2009 puxo en marcha unha “axenda antifeminista” suprimindo o Servizo Galego de Igualdade e puntos de información ás mulleres, apoiando unha Red Madre antiabortista con fondos públicos ou recortando as axudas ás vítimas de violencia machista.
Pontón advertiu da igual “regresión” que vive Europa, tal e como demostra a recente aprobación da primeira lei comunitaria contra a violencia machista, un avance lexislativo positivo que, sen embargo e dun xeito “vergoñento”, non recoñece un delito tan grave como a violación.
“Europa tardou décadas en aprobar unha lei contra esta violencia que mata, golpea e humilla cada día a miles de persoas e nin tan sequera foi capaz de recoñecer o delito de violación pola imposibilidade de chegar a un acordo sobre a definición do consentimento, o que deixa moi claro o que está pasando tamén na UE”, afondou, para reafirmar o compromiso do BNG co “só si é si” tamén nas institucións comunitarias.
Outra das cuestións nas que traballará o escano galego en Bruxelas apuntadas pola portavoz nacional é a loita contra a discriminación salarial dado que o principio de “a igual traballo, igual salario” segue sen cumprirse no ámbito do traballo, onde as mulleres están peor remuneradas, sofren unha maior precariedade e unha fenda salarial polo simple feito de ser mulleres.
“Está ben ter mulleres dirixindo grandes empresas, pero moito mellor é que as traballadoras deste País teñan salarios e condicións laborais dignas”, subliñou.
Por último, Pontón tamén sinalou o dereito a decidir sobre o propio corpo como unha prioridade do traballo do BNG nun momento no que, dentro da “civilizada” Europa e en pleno século XXI, aínda hai países nos que as mulleres non teñen garantido “o dereito a un aborto libre, gratuíto e seguro” ou cando estados como Italia se lles nega o dereito a decidir sobre a maternidade tras a chegada da extrema dereita ao poder.
“Combater a violencia machista, a discriminación salarial, avanzar en políticas de igualdade e de conciliación ou o dereito a decidir sobre o noso corpo son algunhas das cuestións que imos seguir defendendo con unllas e dentes porque o feminismo fai avanzar ao conxunto da sociedade e non imos permitir nin un só paso atrás”, concluíu.
Na mesma liña, Miranda recordou que xa en 2003 o Bloque subscribiu un manifesto do feminismo galego no que se reclamaba “unha Europa comprometida coa eliminación das desigualdades de homes e mulleres” e “unha Europa de todas con dereitos recoñecidos en igualdade”, así como o dereito das mulleres a decidir sobre as políticas europeas.
“Estamos en 2004 e hai moitas cuestións que aínda non foron resoltas”, afirmou para advertir de que, pese aos avances, aínda queda moito camiño que percorrer en materia de igualdade.
Neste sentido, destacou o traballo desenvolvido polo BNG ao longo dos últimos anos en defensa dos dereitos das mulleres e das políticas feministas, exemplificado na Directiva de Violencia de Xénero -aínda que como tamén salientou Pontón a extrema dereita impedira a incorporación do delito de violación- ou a lexislación que se está a promover para que o aborto sexa un dereito fundamental en Europa.
Fronte a “esa extrema dereita que nega o feminismo, a igualdade e os dereitos das mulleres”, Miranda animou a elixir a papeleta nacionalista o próximo 9 de xuño porque “un voto do BNG é un voto e favor da igualdade e o feminismo e en contra desa dereita machista e patriarcal”, rematou.