R súmase a unha longa lista de empresas dentro dunha crise do sector industrial que ten en xogo máis de 6.000 empregos directos, ante a que o presidente da Xunta non pode limitarse a expresar preocupación.
“Non podemos seguir vendo como Galiza se desangra por unha crise industrial mentres temos un presidente que nos di que está preocupado, o que ten que facer e ocuparse e exercer como presidente ou dimitir, porque senón sirve para solucionar os problemas do país está claro que non pode seguir nin un momento máis á fronte deste país”, salientou Pontón.
A líder nacionalista reclama do xefe de Executivo que actúe exercendo as súas competencias en vez de limitarse a laiarse.
“Ten que tomar cartas no asuntos”, dixo, tras lembrar que R obtivo moitos recursos públicos, e considera ao xefe do Executivo galego “responsable directo da situación porque non fixo nada nin cando se vendeu a empresa a un fondo de Luxemburgo, nin cando se vendeu a Euskatel nin agora coa deslocalización. Non sei se pensa que ser presidente é ir en coche oficial e vivir en MontepÍo, a súa responsabilidade é ocuparse e ter solucións”.
Neste sentido, o Bloque considera incomprensible que o Goberno de Feixóo “se poña de perfil” ante esta situación, cunha Xunta “desaparecida” ignorando a convocatoria dunha mesa de traballo aprobada no Parlamento a proposta do BNG.
Están en xogo mil postos de traballo na Coruña, -subliñou-, “R e unha das moitas caras da crise industrial consecuencia da incompetencia do PP e do PSOE que están poñendo en risco o futuro do país, pois ante unha crise que afecta a máis de 6.000 empregos directos, os partidos que gobernan na Xunta o no Estado están petrificados, sen mover un dedo para sacar Galiza desta crise e só se dedican a botar balóns fora”, criticou.
En relación a R, Pontón propón ao Goberno galego “presionar á empresa para evitar a deslocalización, un plan de choque fronte a crise industrial, apostar por unha tarifa eléctrica galega, polo peche de ciclos produtivos, habilitar un fondo específico para evitar deslocalizacións e apostar por poñer o país a producir”, enumerou. “Hai miles de empregos en xogo, mentres PP e PSOE se dedican a unha estratexia de confrontación partidista utilizando a Galiza”, concluíu.
Receptora de axudas públicas
Pola súa parte, Rego cualificou de “inadmisible a pasividade da Xunta porque ten competencias en materia de política económica e industrial que non está exercendo, en segundo lugar porque esta empresa gozou de amplas axudas pública e, en terceiro lugar, porque a propia Xunta é cliente de R. “Con todos estes elementos ten moitísima capacidade de presión para defender os postos de traballo no país e non o está facendo”, denunciou.
Ademais o candidato recalcou que moitos destes postos teñen a ver coa atención ao cliente, “e que esa atención se faga en galego é fundamental para o mantemento do emprego e para garantir os dereitos dos clientes a ser atendidos na súa lingua, a deslocalización implica perda de emprego e perda de dereitos”, advertiu, tras un encontro no que tamén participou o portavoz municipal na Coruña, Francisco Jorquera.