A portavoz nacional, Ana Pontón, propuxo duplicar os equipos de valoración de dependencia e aumentar de 12 a 20 euros o financiamento do Servizo de Atención no Fogar (SAF) fronte a un Goberno do PP que “está vulnerando os dereitos das persoas maiores”, deteriorando non só a súa calidade de vida, senón tamén a das persoas que as coidan.
A líder nacionalista recriminou a Alfonso Rueda na sesión de control o grave deterioro da atención ás persoas maiores, cun tempo de espera de 378 días de media para tramitar a dependencia, “máis do dobre do que indica a lei”, subliñou, e unha lista de espera de 2.703 maiores agardando por unha valoración de grao, pola resolución das axudas ou polo acceso a unha prestación á que teñen dereito.
Pontón advertiu que, segundo os datos publicados polo Imserso o pasado mes de outubro, Galiza é a cuarta comunidade con maior tempo de espera e unha nas que máis medra este tempo de agarda. “Isto ten consecuencias para a vida real das persoas reais; non son simples números, detrás hai persoas”, reprochou a un Rueda ao que exemplificou con varios casos reais a desprotección na que se atopan tanto as persoas maiores como as persoas ao seu cargo.
“Non sei se vostede pode sentir a angustia que senten as familias que necesitan axuda e non a teñen”, afeou ao titular do Executivo, ao que tamén acusou de ter o SAF “en situación de colapso”. “A lista de espera do SAF só dá altas por falecemento, señor Rueda, esta é a situación que soportan as persoas maiores en Galiza, que para recibir o servizo de axuda no seu domicilio, teñen que esperar a que outra faleza”, afondou para cualificar esta situación como unha “crueldade intolerable”.
Neste contexto, a portavoz nacional defendeu as propostas do BNG para que o Goberno do PP “cumpra coa xente maior deste país” e que pasan, en primeiro lugar, por duplicar os equipos de valoración da dependencia, o que permitiría reducir as listas de espera e “atender as persoas en tempo e forma, como marca a lei”.
En segundo lugar, propuxo incrementar os recursos destinados ao SAF para pasar de 12 euros a 20 euros a hora para que as persoas maiores reciban a atención que precisan e merecen. Por iso, tendeu a man a Rueda para chegar a un pacto neste sentido: “Aínda podemos chegar a un acordo nos orzamentos porque a xente maior ten dereito a pasar esa etapa vital cos seus”, ofreceu sen obter resposta dun presidente da Xunta que preferiu culpabilizar ao BNG da falta de financiamento do Goberno central.
“Catorce anos gobernando e a culpa dos problemas da atención ás persoas maiores é do BNG”, replicou Pontón, quen preguntou a Rueda sobre o papel xogado neste ámbito de actuación polo PP dende Galiza cando tamén gobernaba no Estado.
“Onde estaba vostede cando o señor Mariano Rajoy recortaba os dereitos e os recursos da dependencia? Estaba no Consello da Xunta, calado e sen dicir absolutamente nada e votando en contra das propostas que traía o BNG para pagar a débeda histórica e a dependencia”, recordou, ante uns ataques ao Bloque que demostran como a Rueda o único que lle importa “é ser útil na estratexia de confrontación que lle marca o PP desde Madrid”.
Neste sentido, tamén aclarou ao titular do Executivo que a negociación da formación nacionalista co Goberno estatal supuxo un compromiso para incrementar os fondos para dependencia coa posta en marcha dun plan de choque entre os anos 2020 e 2023 con máis recursos para Galiza. “Máis do que facía o Partido Popular, que era recortar mentres vostede calaba”, respondeu a Rueda.
A líder nacionalista tamén defendeu, por último, a creación dunha rede pública de residencias e centros de día, toda vez que hai 1.500 persoas esperando por unha praza de residencia pública porque o Goberno do PP “mantén un modelo totalmente privatizado” no que, en palabras dunha traballadora social de Lugo, “só se resolven emerxencias”.
Nesta liña, pediu ao titular do Executivo que garanta “a xestión 100% pública” das tres novas residencias que nos próximos meses vai recibir a Xunta da Fundación Amancio Ortega. “Garante que van ter unha xestión 100% pública porque os nosos maiores non son unha mercadoría para facer negocio”, reclamou. “Señor Rueda, rectifique e atenda os dereitos das persoas maiores”, concluíu.