Parlamento Galego

BNG acusa o Goberno de Rueda de ocultar a documentación dos contratos da empresa que dirixe a irmá de Feijóo en Galiza

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Na información remitida pola Xunta sobre Eulen figuran 26 contratos no 2019, cando só en adxudicacións menores houbo cando menos 278 ese ano

Tabarés denuncia que o PP pida transparencia e investigación no Congreso e no Senado pero en Galiza opte pola opacidade e o encubrimento

O deputado do BNG Iago Tabarés  lamentou que, máis unha vez, o PP votara hoxe en contra do dereito dos galegos e as galegas a coñecer a verdade sobre os chanchullos do PP na contratación pública para beneficiar a empresas amigas e familiares de altos cargos populares. Referiuse así ao voto en contra á moción presentada polo BNG no Pleno que tiña por obxecto levantar os vetos do PP na Comisión de Investigación tanto no que ten que ver cos comparecentes como coa documentación remitida aos deputados e as deputadas que a integran.

“Están facendo todo o posible para que (a comisión) non poda lograr os seus obxectivos”, reproboulle ao PP o deputado nacionalista, que denunciou que na documentación remitida ao órgano investigador, creado a iniciativa do BNG, “non hai ningún expediente  sobre contratos na pandemia, nin sobre os contratos menores nin sobre os adxudicados aos familiares e cargos do PP”.

O mesmo PP que no Congreso e no Senado pide transparencia e investigación no Parlamento galego opta pola opacidade e o encubrimento, afeou,  subliñando o “sorprendente” que resulta o veto dos deputados populares á comparecencia no Pazo do Hórreo do ex presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, así como doutros altos cargos populares e tamén dos representantes das empresas ás que atinxe a investigación da comisión, como Eulen, Universal Support, Sibucu, ou Allwork.  

Máis en concreto, Tabarés referiuse aos contratos menores que “curiosamente” benefician a Eulen, a empresa que representa en Galiza a irmá de Núñez Feijóo. Contratos, dixo, por máis de sete millóns de euros en só seis anos nos que se inclúen grandes licitacións de seguridade ou limpeza que non se ofertan en lotes, tal e como marca a UE, impedindo así que poidan concorrer pequenas e medianas empresas.

Segundo denunciou o deputado nacionalista, defensor da moción, a información remitida polo PP na Xunta sobre Eulen “nin é detallada nin veraz”. No ano 2019 figuran só 26 contratos con este grupo empresarial, cando só en contratos menores houbo cando menos 278. Ademais, atendendo á documentación remitida á comisión, a Xunta só asinou un contrato con Eulen sobre servizos sanitarios, “cando a realidade é que houbo máis de 127 contratos menores por un importe superior ao millón de euros”.

Na documentación remitida, engadiu, non consta ningún contrato con Consorcio Galego da Igualdade cando hai máis de 200 por valor de un millón de euros. O mesmo sucede coa información do 2021, ano no que só se recoñecen 31 contratos do grupo Eulen, cando unicamente en contratos menores houbo 328.  

Tabarés denunciou ademais que no plan de traballo imposto polo PP “nada hai” sobre os contratos con empresas relacionadas con familiares de alcaldes ou alcaldesas do PP, algunha deputada ou doutros altos cargos populares, como “a segunda” de Presidencia da Xunta. . Faltan, así mesmo,  os contratos adxudicados durante a pandemia, entre os que se inclúen os asinados os primeiros quince días, por máis de sete millóns de euros, con Mape Asesores, a empresa para a que mediaba o compañeiro sentimental de Isabel Díaz Ayuso. “Nada hai” tampouco dos contratos con Universal Support, empresa da que é directivo o cuñado de Feijóo. Ambalas dúas empresas, remarcou, non tiñan experiencia previa en contratación coa Xunta.

Durante a defensa da moción, o deputado nacionalista instou aos populares a respectar os principios esencias do sistema democrático que se fundamenta, lembrou, na participación da cidadanía nos asuntos públicos directamente ou a través das e dos representantes libremente escollidos.

É por iso que considerou que “o dereito á creación da comisión de investigación non pode reducirse á mera constitución da mesma, limitando a capacidade do grupo propoñente”, neste caso o BNG. “O grupo promotor debe ter capacidade de iniciativa para que as súas propostas de documentación e de comparecencias se teñan en conta”, reivindicou, denunciando así a aprobación unilateral das normas de funcionamento e o plan de traballo do PP nun intento de agochar a verdade aos galegos e as galegas. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG