O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Secundino Fernández, acompañado polos veciños e veciñas de Valdeorras, trasladoulle esta mañá en sesión plenaria ao conselleiro de Sanidade, o malestar da veciñanza pola falta de pediatras en atención primaria no distrito sanitario de Valdeorras.
Secundino Fernández exixiulle ao goberno do Partido Popular dar solución a este grave problema de atención sanitaria que están a padecer as nenas e nenos de Valdeorras, cubrindo as prazas de pediatría vacantes no centro de saúde do Barco. Dende a pasada primavera as nais e pais de Valdeorras están denunciando a situación da atención pediátrica, a través de mobilizacións, recollida de sinaturas, facendo concentracións, entrevistándose con responsábeis do SERGAS, “gastando moitas horas do seu tempo para loitar e traballar polos seus dereitos sanitarios, falando cos grupos políticos” e conseguindo un acordo unánime das forzas políticas do principal concello da comarca, como é O Barco de Valdeorras.
“Son familias desesperadas que ven con moita preocupación a falta total da asistencia sanitaria” sinalou Fernández, un dereito básico e primordial para a infancia, polo que non se entende a razón pola que o goberno do PP lles nega a asistencia sanitaria a estas crianzas.
Estas prazas de pediatras son para todo o distrito sanitario de Valdeorras, polo tanto a falta de pediatras afecta a todas as cativas e cativos do distrito “dende Viana do Bolo até Rubiá dende Manzaneda ao Barco ou de Larouco a Carballeda” sinalou Fernández. Son máis de 2.500 nenas e nenos dunha comarca extensa e montañosa polo que as distancias se fan máis longas debido ás dificultades orográficas e aos déficits de comunicación.
Estas tres prazas, dúas son de mañá e unha de tarde, seguen vacantes neste momento. “A da tarde leva mais de seis anos sen cubrirse, co cal xa temos un déficit crónico de profesionais neste campo” sinalou Secundino Fernández. En referencia ás outras dúas prazas, unha delas está vacante dende a xubilación do seu titular no ano 2022. A situación agudízase a partires de novembro, cando a terceira praza queda deserta pola xubilación do único pediatra que existía polo que a día de hoxe non hai ningún pediatra en atención primaria no centro de saúde do Barco e polo tanto, en todo o distrito sanitario de Valdeorras. Unha situación que o deputado nacionalista cualificou de “insostíbel”.
Ante esta situación, Secundino Fernández manifestou que dende o Bloque Nacionalista Galego “apoiamos estas xustas reivindicacións das nais e pais e exiximos que se tomen medidas para cubrir as prazas de pediatría, e que non se siga castigando deste xeito á poboación do noso rural”.