A deputada anuncia que o BNG investigará a que empresa beneficiará o PP coa xestión da autoestrada e se hai cobro de cartos B para financiar de maneira irregular o Partido popular
Pleno- A Proposición non de lei defendida pola deputada do BNG, Ana Pontón foi rexeitada polo Partido popular. A deputada lamentou o voto en contra dos populares porque privatizar a xestión da autoestrada Alto de Santo Domingo provocará graves prexuízos aos usuari@s.
Na defensa da iniciativa, Pontón criticou a escasez do tempo dedicado polo portavoz popular, Alejandro Gómez á iniciativa nacionalista destinada a parar de inmediato a privatización dunha infraestrutura pública. Dos cinco minutos vostede empregou trinta segundos, explicou, o que demostra a existencia de intereses espurios nesta decisión.
A deputada anunciou que o BNG investigará a natureza deses intereses e a empresa beneficiada coa medida.
Pontón tamén lamentou a mofa que producía a súa intervención no conselleiro de Ordenación do Territorio, Agustín Hernández que achacou á conexións en B entre empresas e o financiamento irregular do Partido popular.
É probábel dixo, que exista algunha construtora necesitada de maiores ingresos ou presuntamente o Partido partido popular está obrigado a pagar algún favor por esta vía e por iso, vostede ri dende o seu escano.
Pontón replicou ao portavoz popular, Gómez Alonso que o BNG non pode crer que unha empresa asuma unha débeda da Xunta e regale 150 millóns de euros, é iso do que nos quere vostede convencer, preguntou a nacionalista.
Imos acabar, afirmou, pagando máis e beneficiando a unha empresa porivada. A enxeñería contábel, explicou, fíxose para beneficiar procesos de privatización e beneficiar empresas á costa de fundos públicos.
Na práctica, os galegos e galegas pagaremos máis por unha infraestrutura que era pública e tiña previsto o remate do seu pago no ano 2025, o PP agora deixa unha hipoteca até o ano 2057.
Cál é a vantaxe nesta operación? preguntou a deputada. A seu xuízo, o PP non pode explicala porque detrás desta decisión, afirmou, só hai negocio para empresas privadas e presuntamente cartos B para o Partido popular.