Pontón: "Declarar BIC a colección das caixas non impide a súa venda"

A deputada pide explicacións sobre as obras que quedan fora ao constatar que só 5.638 de 7.000 obras entran na Declaración como BIC

A portavoz de cultura do BNG, Ana Pontón considera que o inicio da declaración como BIC da colección de Novacaixagalicia, (publicada hoxe no DOG), resulta “unha medida insuficiente” para garantir que as coleccións das extintas caixas de aforro galegas se manteña “como ben do pobo galego”.

A deputada nacionalista afirma que a protección de BIC, “non implica que estas obras podan ser vendidas,” simplemente posibilita á Xunta de Galiza un dereito de compra preferente.

Asemade, a nacionalista denuncia “a pasividade da Xunta” neste asunto e lembra que á iniciativa do BNG, o pleno do Parlamento de Galiza na sesión de 22 de novembro de 2011, aprobaba unha resolución pola que se instaba á Xunta de Galiza, “a promover que as coleccións de arte que tiñan Caixa Nova e Caixa Galiza foran postas a disposición do patrimonio público galego a través do comodato, a cesión, a adquisición ou calquera outra figura prevista na lexislación autonómica de patrimonio”.

É evidente, afirma, Pontón que dous anos despois a Xunta incumpriu ostentosamente o mandato parlamentar e non realizou ningunha actuación polo que o BNG pedirá explicacións, en sede parlamentar, sobre o alcance real desta declaración.

Para a deputada, chama a atención que toda a información sobre as coleccións de arte das caixas fixera referencia a case 7.000 pezas (5.500 da colección de Caixa Nova e 1.350 de Caixa Galiza) afectando a declaración só a 5.638 obras, polo que o BNG tamén preguntará que pezas quedan fora e “as causas que esconde e motiva esa decisión”.

Pontón explica que a colección de Caixa Galiza na actualidade forma parte dos activos de Novagaliciabanco, sendo polo tanto propiedade do FROB. O BNG ven defendendo que esta colección non sexa vendida e se transfira a súa titularidade á Xunta de Galiza. Mais sobre este posibilidade, engade, o Goberno galego mantén un silencio cómplice e delator da súa pasividade ante o espolio das coleccións de arte das caixas (idéntico ao espolio do aforro galego).

A deputada lamenta “o desleixo e desinterese da Xunta de Galiza” co patrimonio artístico das caixas, actuando tarde, mal e arrastro. Ademais, estase dando información parcial, nun intento claro de confundir aos galegos e galegas sobre a situación na que fica este inmenso patrimonio, “ a declaración como BIC non garante a titularidade ou tutela pública, non evita que poidan ser vendidas, non da solución ao problema real, nin evita o espolio”, sentencia a deputada.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG