A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a campaña do BNG con motivo da celebración do Día da Patria na compostelá Praza da Quintana, acompañada por xente moza, como símbolo de futuro. “Esa é a idea que queremos destacar para este 25 de Xullo: A dunha Galiza con futuro, unha Galiza sen límites que queremos construír con todos e cada un dos galegos e das galegas, desde un BNG que tampouco se fixa límites”, proclamou.
De aí o lema da campaña, Unha Galiza sen límites, cun BNG sen límites, para reivindicar que este é “un País cun potencial enorme pero precisa un liderado político sen ataduras que confíe nese potencial, que non lle poña límites ao que somos, unha gran nación de xente traballadora, con capacidade e con talento”, subliñou a líder nacionalista.
O BNG, destacou, confía nesa Galiza que debe aspirar a todo en todos os ámbitos: “Na capacidade de decidir por nós mesmas, no campo dos dereitos e das liberdades; na capacidade para crear riqueza e emprego a través dunha economía verde; sen límites para poñer os nosos recursos ao servizo da xente e darlle oportunidades á mocidade evitando que a súa única saída sexa coller as maletas, sen límite na súa capacidade para crear e para usar a nosa lingua”, argumentou na súa intervención.
Unha Galiza sen límites tamén en dereitos e liberdades, “diversa, aberta, tolerante, que non admite recortes á liberdade e a diversidade”, sen límites na solidariedade, que sabe estar a altura nos momentos e nas circunstancias máis adversas. “Vímolo con Nunca Máis, vímolo enchendo as rúas de feminismo no 4M, vímolo na pandemia, e acabamos de velo na exemplar resposta ante o vil asasinato homófobo de Samuel”, alegou.
O BNG quere ser o aliado, a ferramenta política para construír esa Galiza sen límites, que cada día confía máis en si mesma e quere decidir sobre o seu, sen ataduras e sen rebaixas, “lonxe de tutelas centralistas”.
“A todas as persoas que levan Galiza na cabeza e non corazón, ofrecemos un BNG que tampouco se pon límites, que traballa para sumar cada día máis apoio social, aberto, plural, integrador que aspira a liderar o cambio real, a ser a forza hexemónica e central cun único obxectivo: defender os intereses do País para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, proclamou.
Un BNG sen límites, -subliñou-, “porque Galiza non merece menos, man a man coa xente, con esa maioría orgullosa de ser o que somos, á que nos diriximos e queremos, con ela, construír esa Galiza na que confiamos”.
Unha manifestación segura, con todos os protocolos
Pontón animou a conmemorar o Día da Patria e a participar na manifestación que o 25X volverá percorrer as rúas de Santiago tras a interrupción provocada pola pandemia, unha manifestación que se celebrará desde a máxima prudencia e cumprindo todos os protocolos establecidos, unha manifestación “segura e con todas as garantías sanitarias”, subliñou a portavoz nacional, consciente de todo o vivido e do que implicou para a sociedade os quince meses longos e duros meses de pandemia.
“Este 25 de Xullo temos moito que celebrar, e por iso quero animar a participar a todos e todas, porque hai moitas maneiras de sentir a nación que somos, e todas teñen cabida no BNG”, indicou, “será tamén un Día da Patria de reencontros, de compartir alegría, esperanza, ilusión por un futuro mellor, de compartir o orgullo de ser un gran pobo, solidario e xeneroso”.
25X de recordo e de reencontro
Un Día da Patria especialmente emotivo, “no que recordar aos que xa non están con nós, pero aos que nunca esqueceremos; para agradecer, unha vez máis, o esforzo e a entrega de todos e todas as profesionais, -a maioría mulleres-, que nos coidaron no peor da crise, como o persoal sanitario e das residencias. As medallas honoríficas están ben, pero temos unha débeda que non se paga con medallas, senón con recursos, revertendo os recortes e mellorando as súas condicións de traballo”.
En definitiva, concluíu a presentación, “un Día da Patria para celebrar que podemos lograr unha Galiza sen límites da man dun BNG que tampouco se pon límites sumando a cada galego, a cada galega, entre todos e todas”.