A portavoz nacional, Ana Pontón, reivindicou o papel do BNG como a forza política que representa hoxe en día, “desde a humildade, pero con orgullo e ambición”, os ideais de Alexandre Bóveda, “o seu ideario actualizado á Galiza de 2022”, e o compromiso para “construír un País con futuro”.
Así o asegurou durante o acto co que o Bloque conmemorou o Día da Galiza Mártir e rendeu homenaxe á figura de Bóveda, acto celebrado en Pontevedra e no que tamén participaron o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, e Andrea Ferrer, en representación de Galiza Nova.
Durante a súa intervención, Pontón afirmou que o BNG ten un “proxecto de País para construír esa outra Galiza posible”, con capacidade de decisión, que aposte pola ciencia e pola investigación, que cree emprego de calidade, que coide o seu territorio e enfronte o desafío do cambio climático, que se preocupe por que volvan os mozos e mozas forzados a emigrar e por acabar coa precariedade e a falta de expectativas “que leva á nosa mocidade a facer as maletas”.
“Unha Galiza movida pola forza transformadora do feminismo, unha nación sen límites que ten un enorme potencial cultural e un idioma que nos permite comunicarnos con máis de 200 millóns de persoas”, engadiu, para indicar a continuación que “esa é a Galiza que queremos construír e ese é o noso obxectivo: darlle unha alternativa a este País, sumando cada día a máis galegos e galegas que queren construír unha Galiza con futuro e que saben que a única maneira de conseguilo é cun BNG liderando o goberno da Xunta”.
Para a líder nacionalista, este é o reto, polo que comprometeu o traballo do Bloque co obxectivo de “facer realidade algo tan revolucionario como que Galiza teña, por fin, un goberno coas mans libres e sen máis obxectivo que deixarse a pel na defensa dos intereses dos e das galegas”. “Somos a única forza política capaz de facelo posible porque, se queremos un País con futuro, con capacidade para autogobernarse, necesitamos partidos libres e o único partido libre en Galiza chámase BNG. Non temos as mans atadas pola estratexia que marcan desde Madrid, nin polo nefasto centralismo contra o que xa advertía Bóveda”, afondou.
Así pois, e recollendo o legado do histórico galeguista, Pontón asegurou que “Galiza pode contar co BNG” para conseguir unha saída xusta da actual crise e para “enfrontar con decisión os problemas do agora e do aquí”: blindar a sanidade pública, apostar por un rural vivo, enfrontar a crise demográfica, frear a emigración da xente moza, ou poñer o País a producir, “porque Galiza dá para máis que para un turismo de tempada low cost”.
Neste sentido, amosou o seu convencemento de que Bóveda sería hoxe “unha voz crítica ante o feito de que, en plena escalada de prezos que empobrece á maioría dos galegos e das galegas, haxa unha presa de multinacionais que se están forrando a costa de especular con bens básicos como a electricidade, os carburantes ou mesmo a cesta da compra”. “Cómpre falar claro, non é unha crise de prezos, é un roubo, unha estafa que hai que denunciar e que non podemos consentir”, criticou logo de repasar con cifras os “escandalosos beneficios” das empresas do IBEX no primeiro semestre do ano e que cuantificou no seu conxunto en máis de 31.600 millóns de euros.
“Estou convencida de que Bóveda hoxe defendería subirlle os impostos ao lobby enerxético, á banca e ao gran capital, para que contribuísen a pagar unha crise da que obteñen beneficios obscenos e poder usar eses recursos para axudar a quen peor o está pasando, para axudar aos nosos sectores produtivos a resistir o temporal inflacionista”, incidiu, para defender a continuación a supresión dos denominados “beneficios caídos do ceo” das eléctricas e unha fiscalidade xusta.
Ter a chave dos nosos cartos para mellorar a vida dos galegos e das galegas
Nesta liña, e seguindo o ideario do Bóveda “facendista comprometido”, defendeu unha Facenda galega -“recadar o 100% dos nosos impostos”-, fixar as prioridades de gasto e investimento en función das necesidades do noso País “e non dende un centralismo madrileño que discrimina e fai caixa con Galiza”.
“En definitiva, ter nós a chave dos nosos cartos como ferramenta imprescindible para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, recalcou logo de asegurar que o histórico galeguista revelaríase “contra a falsa idea da Galiza pobre que as forzas estatais se empeñan en difundir, tanto as da dereita como as que se declaran progresistas”.
“A ese PP e PSOE que actúan como sucursais do centralismo madrileño máis letal temos que recordarlles que ninguén nos regala nada; ao contrario, o Estado -antes e agora- recada en Galiza máis do que inviste”, subliñou.
A vaga de lumes urxe o cambio do modelo fracasado do PP
A portavoz nacional do BNG tamén amosou a súa tristeza e a carraxe ante unha Galiza que arde. “Basta de escusas e de propaganda, e, sobre todo, basta de abandono do medio rural, de ter o territorio literalmente a monte, sen ordenar e sen xestionar. Basta dunha política forestal fracasada e ao ditado de Ence”, reclamou, para apuntar a continuación que “esta vaga de lumes, os máis grandes da historia, debe ser un punto de inflexión para mudar o modelo fracasado do PP e para sentar as bases dun rural vivo, produtivo e con servizos”.
Neste sentido, considerou urxente loitar contra o cambio climático tal e como vén defendendo o Bloque porque “non vale actuar como fai o PP en Galiza, con eslogans e a propaganda da transición verde”, xa que, segundo advertiu, “a súa transición verde consiste en poñer o rural do noso País nas mans de grandes multinacionais para que as incen de eólicos e de eucaliptos, nun sistema extractivo e depredador que leva os beneficios para fóra e deixa grande parte do noso País desertizado e degradado”. Por iso, avogou por desenvolver un novo modelo eólico respectuoso co medio e coas persoas, de participación pública e comunitaria, xusto no social e sustentable no ambiental, “un modelo, en definitiva, que xere riqueza e traballo para o País e para a maioría social”.
Neste contexto, Pontón apostou por poñer a vista no futuro porque, segundo recalcou, “queremos abrir un tempo novo para Galiza, un tempo de xustiza e prosperidade” nun momento complexo, con grandes retos e grandes dificultades. “Estou segura que nestes momentos de incerteza só hai unha saída: confiar nas nosas forzas, confiar en Galiza, poñer o País a producir, modernizalo, xerar riqueza e repartila con xustiza e equidade”, apuntou. “Somos conscientes do noso deber e sabemos que hoxe o BNG representa a esperanza de miles de galegas e galegos; é unha grande responsabilidade que imos asumir con ilusión, coa máxima dedicación e con toda a humildade do mundo”, concluíu.