parlamento galego

Pontón avanza un “plan de traballo rigoroso” para investigar os chanchullos do PP na comisión sobre a contratación da Xunta

Considera “inescusable” a comparecencia de Feijóo, dado que algunhas das empresas beneficiadas están vinculadas ao seu contorno familiar

Anuncia que o BNG pedirá que as e os comparecentes respondan a cada unha das preguntas dos distintos grupos como acontece no Congreso  

A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou que o BNG presentará un “plan de traballo rigoroso” para poñer luz e taquígrafos aos contratos realizados polo Goberno do PP con empresas afíns, logo da constitución da comisión de investigación parlamentaria sobre a contratación pública da Xunta vetada inicialmente polos populares pero que, subliñou, foi constituída finalmente “grazas aos 25 deputados e deputadas”.

Pontón considerou esta investigación como un dos asuntos “máis relevantes” da lexislatura, dado que se vai “tentar poñer transparencia onde o Partido Popular ten total opacidade” en aspectos que son importantes para a cidadanía.

“Estamos falando de como se están utilizando os cartos dos galegos e das galegas para beneficiar a empresas vinculadas con altos cargos do Partido Popular”, afirmou sobre unha comisión na que tamén se analizarán as decisións do Executivo do PP na “construción privatizada” do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo que, cun sobrecusto de 470 millóns de euros, “supuxeron un roto moi grande nas arcas públicas do País”.

A portavoz nacional recalcou a importancia desta comisión de investigación como “potente instrumento” para abordar a contratación da Xunta con empresas afíns ao PP, cuestión na que o BNG “vai ir até o fondo” presentando un plan de traballo rigoroso, onde entende que deben comparecer os máximos responsables da xestión dos recursos públicos.

“Teñen que vir a comparecer tanto o actual presidente, o señor Rueda, como o ex presidente, o señor Feijóo”, afondou Pontón, quen considerou “inescusable” a comparecencia do actual presidente do PP, dado que algunhas das empresas beneficiadas están vinculadas directamente co seu contorno familiar, “dende a súa irmá ata o seu cuñado”, apuntou.

Neste mesmo sentido, tamén considerou obrigada a entrega á comisión de investigación dos expedientes que o BNG leva anos solicitando, lembrou, e que “o Partido Popular oculta”.  

A líder nacionalista tamén avanzou que o Bloque emendará as normas de funcionamento da comisión para esta sexa “o máis eficaz posible”. Por iso, defenderá que as e os comparecentes respondan ás preguntas de cada grupo parlamentario, a fórmula habitual nas comisións de investigacións e a utilizada, por exemplo, no Congreso dos Deputados e Deputadas.

“Queremos que os comparecentes teñan que responder, si ou si, a todas e cada unha das preguntas que lles imos formular desde os diferentes grupos”, explicou para recalcar que na comisión debe haber un tempo para cada grupo político, onde as persoas comparecentes teñan que ir respondendo a cada unha das preguntas que se formulan.

Sobre a elección da mesa da comisión, Pontón lamentou que o PP “non permita que sexa presidida pola forza que a impulsa”, tal e como en boa lóxica propuxo o BNG, co deputado Luís Bará como candidato á presidencia da mesa.

“Era lóxico que a presidencia e os tempos se marcaran precisamente dende esta forza política”, afondou, para mostrar a continuación o seu convencemento de que “se o PP estivera tranquilo á hora de levar adiante esta investigación, non estaría tan preocupado por deixar atada a súa maioría na mesa da comisión”.  

En todo caso, a portavoz nacional apremiou o inicio dos traballos desta comisión de investigación que, recordou, “quere aclarar como se están xestionando os recursos públicos de todos os galegos e galegas”, cando hai “moitos indicios a respecto de como o Partido Popular está beneficiando a familiares que teñen altos cargos en empresas”.  

“Estase indo en contra dos principios que deben de operar na Administración pública e cremos que é importante porque hai que erradicar calquera corruptela da Administración e o PP ten que dar moitas explicacións nesta comisión de investigación”, concluíu.  

 

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG