A portavoz nacional, Ana Pontón, acusa ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de viaxar a Bruxelas, “non para defender os intereses dos galegos e das galegas”, senón para “defender os intereses das eléctricas e de Altri”.
Na súa valoración da visita do titular do Executivo á Unión Europea, a líder nacionalista advertiu que na súa axenda non se atopa como prioridade a defensa de Galiza, senón velar polos intereses do sector eléctrico e da multinacional portuguesa.
“O señor Rueda vai a Bruxelas, non a defender as empresas deste País, senón a defender que unha empresa portuguesa poida recibir 250 millóns de euros públicos para contaminar o noso medio rural e para poñer en risco 8.000 empregos, tanto na terra como no mar”, denuncia.
Un exemplo máis, subliña, da súa “deslealdade” con Galiza e “coa xente deste País”, xa que o presidente de todos os galegos e galegas continúa, tamén en Bruxelas, “facendo de comercial de Altri” e defendendo os intereses das eléctricas, “que é para quen traballa”, advirte.
Concretamente sobre a súa reunión co comisario de Pesca da UE, á que Rueda di acudir para defender o sector galego, a líder nacionalista pide ao titular do Executivo “que se aclare”. “Porque non se pode dicir que se defende a pesca e, ao mesmo tempo, que se defende chantar enriba dos principais caladoiros deste País muíños eléctricos que o único que van facer é destruír e acabar co sector”, reprochou.
Por iso, Pontón insiste en reclamarlle ao presidente da Xunta “que se aclare” e defenda realmente os intereses do sector pesqueiro galego, tal e como “lle está pedindo a xente do mar”, conclúe.