Pleno: Rosana Pérez ausa a Soria de "incompetente, irresponsábel e caótico" no tema da luz

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, interviu esta tarde no pleno no debate do Real Decreto polo que se determina o prezo da luz, para criticar duramente a xestión do Ministro de Industria.

“Señor Ministro, a política enerxético do Goberno, as súas políticas no sector eléctrico, foron e seguen a ser irresponsábeis, caóticas, incompetentes, e inúteis para solucionar o problema do sector eléctrico e o défice tarifario”, enfatizou Rosana Pérez.

Para a deputada do BNG o Real Decreto “é unha emenda á totalidade a toda esa catarata de leis e reforma que só serviron para converter o recibo da luz nun dos máis caros de Europa, para dar ás eléctricas altos beneficios, para que se desmantelen as renovábeis e para que o 12% da poboación, 200.000 persoas na Galiza vivan nunha situación de probeza enerxética. Así como que pequenas e medianas empresas non poidan asumir máis incrementos”.

A deputada do BNG reprochou ao Goberno de facer “políticas fracasadas nun sector estratéxico que nunca debeu ser privatizado”.

“Calquera suba da luz é inadmisíbel”

Rosana Pérez afirmou que o relato do acontecido no último mes e medio “é un despropósito en toda regla”. E lembrou que empezou con Montoro negándose a incluir 3.600 millóns nos Orzamentos para cubrir o défice tarifario. A partir de aí se produciron unha serie de circunstancias atípicas: “dispáranse os prezos no mercado maiorista, prodúcese a subasta que remata cun aumento do 11% do recibo da luz, unha intervención gubernamental sen precedentes, e de novo a suba do recibo da luz para xaneiro”.

A parlamentar nacionalista criticou a suba do 2,3% acordada para este trimestre, e lembrou que “despois de catro incrementos da luz en 2013, despois de prometer que os consumidores non pagarían o défice tarifario, despois de que prometera que o Goberno non ía subir a parte regulada do recibo, vai e incrementa a luz nun 2,3%, e a parte regulada nun 0,9%”.

Reprochou a Soria ter perdido unha oportunidade na lei do sector eléctrico aprobada en decembro “en lugar de facer parches como este Decreto”. Puxo de manifesto que os problemas de fondo continúan, nun “cenario no que baixan os salarios, as pensións e o salario mínimo se conxelan, así como os salarios dos funcionarios, mentras aumentan o recibo da luz”.

Rosana Pérez sinalou que “calquera suba da luz é inadmisíbel e resulta obsceno esoitarlle dicer a vostede e ao Secretario de Estado dicer que a luz baixou”. Rematou subliñando que o BNG non votará favorabelmente este Real Decreto.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG