Francisco Jorquera emprazou ao PP a non ser un ben quedar aquí para logo votar en contra en Madrid como fixo o pasado 28 de maio
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera defendeu a Proposición de lei para que o colectivo de afectados/as polas participacións preferentes cobren a totalidade dos cartos investidos.
Na súa intervención, o parlamentario emprazou ao Partido popular a defender no Congreso dos deputados o texto aprobado por unanimidade hoxe na Cámara galega e que non ocorra o do pasado 28 de maio que en Galiza votou a favor e en Madrid rexeitou a iniciativa.
As plataformas de afectad@s presentes no debate
Jorquera saudou aos representantes das distintas plataformas de afectados que presenciaban o debate dende a tribuna de convidados, tras manifestarse previamente nas inmediacións do Parlamento reclamando o pago das cantidades investidas en participacións preferentes e obrigacións subordinadas.
Para Jorquera, ducias de miles de pequenos aforradores sufriron unha dobre expropiación, unha polas participacións preferentes a que hai que sumar o saneamento da banca, cos cartos públicos de todos/as recalcou.
Coa venda de Novagalicia Banco tan só foi recuperado o 8% do diñeiro público, dos 8.981 millóns de euros so serán recuperados 728 millóns.
Terán dereito á recuperación das contías investidas sen ninguna perda manifestou o parlamentario porque o problema, pese as falsas expectivas creadas polo Goberno, está moi lonxe de terse solucionado, menos de 40.000 recuperaron o 100% dos cartos pero quedan 37.960 que aínda non recuperaron nada dos seus aforros, fican por recuperar 502 millóns.
Porque é de xustiza que poidan recuperar integramente os seus aforros, afirmou, confío que o voto unanime da Cámara galega non sexa un brinde a sol e un lavado de cara, agardo, concluíu, que todas as forzas con representación nas Cortes rexistren este mesmo texto para debatir con urxencia a modificación de lei.