A comisión de ecoloxismo do BNG organizou unha reunión sectorial encabezada polo deputado Xosé Luís Rivas “Mini” para coñecer de cerca á empresa que factura castaña conxelada en todo o mundo hoxe mércores á 13h en Monterroso. “Temos que dar alternativas sostibles ao rural galego e aproveitar as producións sostibles que teñen un gran valor engadido e, ademais, son valoradas en todo o mundo como é o caso da castaña” afirmou o parlamentario do BNG.
O BNG aposta por un cambio das políticas de desenvolvemento rural para poñer en valor proxectos de procesado e exportación de produto galego “xa se fixo cando o BNG tivo responsabilidades de goberno, pero dende a chegada do PP de Feijoo ao goberno galego o medio rural quedou abandonado e con unha única política que fomenta, por acción ou por omisión, o monocultivo do eucalipto” sinalou Xosé Luis Rivas “Mini”.
Alibós é unha empresa destinada a asentar poboación no rural. A día de hoxe o seu produto estrela é a castaña e a súa produción vén nun 50% de soutos galegos. O seu “proxecto soutos” desde 2010 ten o obxectivo de acadar 225 hectáreas de soutos para a súa produción ecolóxica (125 delas xa están plantadas en Taboada, Monterroso, Guntín, Palas de Rei, Portomarín e Lugo). O BNG, que defende a protección do bosque autóctono non só como protección se non como fonte de riqueza dun rural vivo considera esta visita como unha maneira de promover e aprender dun modelo sostíbel e en relación co país. A visita consistiu no coñecemento das instalacións e unha reunión co seu xerente Xesús Quintá.