A deputada por Lugo, Olalla Rodil preguntou hoxe ao goberno galego se vai defender o mantemento e mellora do antigo FEVE ante as permanentes supresións e cancelacións de servizos, retrasos e falta de persoal.
Olalla Rodil denunciou a falta de “peso político” do Goberno galego ante o goberno central á hora de defender o antigo FEVE e criticou a viaxe realizada polo presidente da Xunta e o Ministro de Fomento entre Sarria e Lugo o pasado luns día 14, un “tour de 24 minutos” de propaganda para o que foi necesario cancelar dous servizos, Ourense-A Coruña e Monforte- A Coruña trasladar en autobus as persoas usuarias afectadas pola cancelacións.
Obrigaron vostedes, “para sacar unha foto co ministro”, a que a veciñanza luguesa padecera o que é habitual no antigo FEVE, “agardar que veña un autobús porque non hai tren”.
Hoxe, dixo, preguntámoslle que vai facer o Goberno galego para garantir o mantemento do antigo FEVE. Este problema non é a primeira vez que o BNG o trae a esta Cámara pero temos que facémolo de novo porque transcorrido un ano da creación da Mesa de traballo arredor do FEVE as supresións e cancelacións de servizos, os retrasos e falta de falta de persoa segue manténdose.
A parlamentaria explicou que o 25 xaneiro foron suprimidos 6 servizos, en marzo a cancelación produciuse durante os días 15,16,20 e 21 e o 18 de abril a supresión de servizos foi de 13, “nove de cercanías e catro rexionais para conectar con Asturias”.
A maiores, engadiu, días antes, o 16 de abril, xa foran suprimidos servizos rexionais desde Ribadeo e varios cercanías en Ferrolterra e Ortegal que se suman ás “500 supresións rexistradas en 2016 e as máis de 900 o ano pasado” causados no 70% por deficiencias nos trens e falta de maquinistas.
A proposta de RENFE para solucionar esta situación non é nova e levámola padecendo hai moito tempo lembrou a deputada. A contratación de 5 cobradores en paradas de Ferrol e Ortigueira está ben porque os billetes poden ser mercados na estación pero a medida, afirmou, “non é suficiente” ao igual que a mesa de traballo conxunta, na que tamén está a Xunta, e da que en catro páxinas aparece recollido un estudo relativo o número de persoas usuarias. Estudo referido só ás estacións da provincia da Coruña. Este estudo revela que para RENFE “a comarca da Mariña non existe”.
Da reparación integral das máquinas, “nada de nada ” nin tampouco incrementar o número de maquinistas para poder cubrir o servizo de baixas e vacacións.
Ante esta situación, Rodil preguntou á conselleira de Infraestruturas que vai facer a Xunta para garantir este servizo ferroviario en condicións idóneas. Os horarios , recalcou, non poden excluír parte de Ortegal e a Mariña porque a proposta de RENFE son frecuencias pouco razoables cando o que se solicita é “estabilizar, ao límite, os medios existentes”.
A deputada reclamou reparar as unidades para poñer fin as continuas avarías porque, de non ser así, remarcou, “resulta absurdo propoñer horarios para este transporte”.
«A xente viaxa en tren cando non ten más remedio porque autobús non hai. Véndennos un transporte alternativo que despois tarda ata unha hora e media, iso só se entende se o que pretenden é expulsar á xente do servizo”, concluíu.