O BNG rexistra unha iniciativa parlamentaria sobre os custes e prexuízos causados pola viaxe en tren do Presidente da Xunta, o Ministro de Fomento e outras autoridades o 7 de maio de 2018 entre Sarria e Lugo.
A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil cualificou de “tour propagandístico” a viaxe en tren, entre Sarria e Lugo, realizado onte polo presidente da Xunta de Galiza, o ministro de Fomento e unha comitiva de autoridades para o que foi necesario mobilizar un tren Alvia, suprimir horarios regulares e os servizos, A Coruña-Ourense e Monforte-A Coruña o que provocou que persoas usuarias se virán obrigadas a realizar o traxecto por estrada.
O 7 de maio de 2018, explica a deputada nacionalista, o presidente da Xunta de Galiza, o ministro de Fomento e unha comitiva de autoridades fixeron parte dun acto público para anunciar a chegada “dunha chuvia de millóns dirixidos ao tren entre Lugo e Ourense para mellorar a conexión entre estas dúas cidades en 2021”.
O BNG preguntará ao goberno canto custou ao erario público o “acto propagandístico” organizado polos gobernos español e galego e como valora o Goberno galego os prexuízos causados ás persoas usuarias do tren.
Por outra parte, o BNG tamén preguntará se Renfe reembolsou ou ten previsto reembolsar o custe do billete a aquelas persoas trasladadas en autobús ante a supresión dos servizos regulares e cal foi a razón para que o presidente da Xunta, o ministro de Fomento e a delegación convidade non utilizaran os servizos regulares entre Sarria e Lugo.