congreso

Non temos Rei. Democracia, liberdade, Repúblicas.

Deputados e deputadas de BNG, Bildu e ERC
Deputados e deputadas de BNG, Bildu e ERC
Comunicado conxunto de BNG, Bildu e ERC

As forzas políticas independentistas, soberanistas e republicanas asinantes desta declaración, queremos manifestar:

A Monarquía é unha institución anacrónica, incompatíbel con principios democráticos esenciais en tanto que hereditaria e vitalicia. No caso do Estado español, aliás, ese carácter antidemocrático vese acentuado polo feito de ter sido imposta polo ditador Franco e ser, nesa medida, unha herdanza do franquismo.

A Monarquía Española é un estamento que non responde aos valores republicanos de liberdade, igualdade e democracia que tanto os cidadáns e cidadás dos nosos pobos como as maiorías sociais do Estado anhelan. Unha verdadeira democracia só será posíbel a partir da ruptura coa herdanza, as bases e valores que representa o Rei e a súa figura. Por iso, consideramos que o Rei e a Monarquía, que non son elixidos democraticamente, deben deixar de exercer a súa tutela sobre a cidadanía e sobre os gobernos e parlamentos que si o son. Só así se poderá avanzar en liberdade e en democracia.

Por tanto, a Monarquía española e o rei de España, non nos representan. As sociedades catalá, vasca e galega rexeitan maioritariamente a figura dunha institución monárquica que se vincula, ademais, ao obxectivo de manter e impor a unidade de España e as súas leis, negando así os dereitos civís, políticos e nacionais que asisten as nosas cidadanías e os nosos pobos.

No camiño democrático para a liberdade dos nosos pobos, que non só é unha aspiración lexítima senón inadiábel, o Rei español non é un interlocutor válido para nós. Nin ten a lexitimidade dos nosos pobos, nin lle recoñecemos ningunha función política. Menos aínda cando o seu papel para coas nosas nacións non foi outro que o de tentar impor proxectos e valores antidemocráticos.

En consecuencia, reafirmamos a nosa vontade de continuar traballando para facer efectivo, máis cedo do que tarde, o ideal de democracia, liberdade e repúblicas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG