Nogueira pecha a candidatura do BNG ás eleccións europeas que encabeza Ana Miranda

CAMILO NOGUEIRA+ANA MIRANDAO BNG advirte da desafección coas eleccións europeas que, segundo algunhas enquisas, afecta ao 75% dos galegos e galegas que se senten distanciados destes comicios, desinterese que fomenta o PP por conveniencia electoral para agochar as políticas de recorte de dereitos e servizos públicos que aplica en Madrid e na Xunta.

“O BNG quere comunicar á cidadanía que estas son unhas eleccións importantes porque hoxe Europa toma decisións que afectan ao noso día a día, no comercio, no aspecto financeiro, como os tipos de xuros que pagamos pola hipoteca, decisións que condicionan o desenvolvemento do noso sector agrario, pesqueiro, da industria, da política de investigación. O que decide Bruxelas condiciona case todos os aspectos da nosa vida”, explica o portavoz nacional, Xavier Vence.

Por esta razón, o Bloque fai fincapé “na importancia de mobilizarse de xeito masivo nestes comicios entorno á candidatura e o programa do BNG que representa a esa Galiza que non se resigna, e colocar unha voz propia na Eurocámara que represente directamente ao país porque nos xogamos moito nestas eleccións, porque aspiramos a ter recoñecemento pleno en Europa, sen os filtros de Madrid que impiden que os nosos intereses cheguen sen intermediarios ás institucións da UE”, argumenta o dirixente nacionalista.

“Queremos mobilizar á cidadanía detrás dunha candidatura que encabeza Ana Miranda e cun programa de defensa da economía produtiva que enfronta as políticas antisociais da dereita, porque o voto útil é o voto ao BNG”, sintetizou Vence.

O Consello Nacional aprobou a candidatura definitiva do BNG que pecha Camilo Nogueira, eurodeputado entre 1999-2004, “que representa unha longa tradición de loita do nacionalismo democrático en defensa deste país, que continuou Ana Miranda nesta lexislatura”, salientou o dirixente nacionalista.

Vence tamén explicou o lema de campaña: Rebélate polos teus dereitos! Corazón en Galiza, futuro na Terra.

“Apelamos a esa Galiza que ser rebela e loita por defender os seus dereitos e as conquistas sociais, e o facemos apelando a entrega plena do BNG co país porque queremos ser o corazón desa Galiza rebelde, que a cidadanía se sinta identificada coa defensa do seu futuro e do país. Por último, facemos esa apelación a que ter futuro digno na Terra porque 100.000 mozos e mozas tiveron que emigrar nos cinco anos de Goberno de Feijóo”.

A preguntas dos medios, Vence salientou que o Bloque “traballa cara a sociedade, cunha militancia entregada en facer propostas aos problemas concretos da xente do común que está sufrindo polas políticas de recorte da dereita e moi lonxe da dinámica de intrigas. Outros non poden dicir o mesmo e saberán como botan balóns fora”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG