A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, defendeu unha proposición non de lei para reclamarlle a Xunta rebaixas de impostos ás familias monoparentais tendo en conta o criterio dos ingresos, así como que as actuais deducións para este tipo de familias con dous fillos ou fillas, -1.200€ anuais na declaración de 2017-, se estenda tamén aos supostos de familia monoparental cun só fillo ou filla.
O Bloque demandou ao Goberno galego que aplicase estas deducións no tramo autonómico de IRPF e, ao mesmo tempo, que o Executivo central adopte tamén beneficios fiscais na parte que lle corresponde, porque se trata de familias con maior risco de exclusión social.
De feito, o informe O estado da pobreza en Galicia 2017 sinala entre os colectivos máis fráxiles as familias monoparentais que neste país ascenden a 89.879 fogares, dos que o 53,3% “están situados por debaixo do limiar de risco de pobreza e exclusión social”, salientou Presas.
“Desde o BNG temos denunciado repetidas veces como o actual sistema impositivo non está a contribuír a corrixir as desigualdades económicas e, polo tanto, non cumpre a súa función teórica de ferramenta de redistribución da riqueza”, salientou a deputada, na defensa dunha iniciativa que non prosperou polos votos en contra do PP.
Para a formación nacionalista o actual sistema de IRPF “non responde a parámetros de redistribución que deberan primar e fai necesaria unha reforma integral porque a declaración da renda non pode ser allea ao que ten pasado neste país na última década”, alegou a deputada, tendo en conta que “a contribución impositiva recae fundamentalmente sobre os impostos indirectos ao consumo e ás rendas do traballo, fronte ás de capital”.
“A ninguén se lle escapa que a sociedade se ten transformado e a configuración das familias abranguen unha alta variedade dependendo de factores sociais, económicos, culturais ou de escolla afectiva. A lexislación busca, sobre a teoría, protexer todas elas, pero a acción protectora non pode ser homoxénea, ten que priorizar aquelas que presentan unha maior vulnerabilidade”, concluíu Presas na súa defensa de melloras fiscais para as familias monoparentais.