Galegas 2016

Noa Presas: “O nacionalismo é o antídoto contra as políticas do PP, fronte á política das elites e do desamor á terra”

Acto público en Ourense
  • Noa Presas pide o voto para o BNG no mitin na Alameda de Ourense afirmando que o nacionalismo “ten un proxecto para o país” e “sempre foi leal ao país”.
  • “Nós, o BNG, somos a chave para que Feijóo perda a maioría absoluta”, dixo a candidata nacionalista.
  • “Con Feijóo somos unha especie en extinción. Desde que chegou ao goberno a provincia perdeu 17.000 habitantes, o equivalente a un concello coma o de Coles”, dixo Tereixa Paz, que recibiu a homenaxe dos asistentes polo traballo desenvolvido en tres lexislaturas no Parlamento galego

“O nacionalismo é o antídoto contra as políticas do PP, o antídoto fronte á política das elites e do desamor á terra”, dixo Noa Presas, a cabeza de lista por Ourense, esta tarde diante da portavoz nacional e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, que foi a encargada de pechar o mitin do Bloque na Alameda de Ourense.

“Prométovos que manterei esa dignidade dese escano que vos representa. A dignidade de todas nós. Deste pobo rebelde contra o PP de Ourense. Sen medo. Coa forza que me dades todas e cada unha das compañeiras e compañeiros nacionalistas que desde todos os recunchos de Ourense levan 40 anos sendo fieis e leais a este país”, dixo Noa Presas no comezo do seu discurso despois de que tomara a palabra Tereixa Paz, deputada por Ourense durante as últimas tres lexislaturas.

“Este país precisa un proxecto político para atender as urxencias e para planificar a longo prazo. Precisa outra política forestal, apostar por unha ordenación do territorio dialogada para ter no monte unha fonte de recursos e tamén un fogar”, engadiu Presas, quen lanzou unha advertencia as forzas de obediencia estatal: “Non nos basta que asuman filosoficamente que somos unha nación, nós queremos exercer como tal, porque o autogoberno é o mellor medio para decidir sobre o noso”. Presas sinalou que o BNG ten “un proxecto para este país e porque por riba dos nosos erros e acertos está o denominador común: seguimos leais a este país. E coa vosa forza tampouco temos medo nin nos rendemos”.

“Quedan 75 horas de campaña electoral”, recordou Presas, “xogámonos que ninguén dos que estamos aquí teñamos que marchar, que os que marcharon poidan volver, que nesta década o ensino e a sanidade sigan sendo públicos, ter a oportunidade de decidir sobre os nosos recursos”.

E concluíu: “Nós, o BNG, somos a chave para que Feijóo perda a maioría absoluta. Teñen medo, por iso non se atreven a debater con Ana Pontón, porque temos os argumentos e temos proxecto para este país”.

TEREIXA PAZ

“Con Feijóo somos unha especie en extinción. Desde que chegou ao goberno a provincia perdeu 17.000 habitantes, o equivalente a un concello coma o de Coles”, dixo Tereixa Paz que recibiu a homenaxe dos asistentes polo traballo desenvolvido no Parlamento galego. “Nin unha soa cifra avala a Feijóo en Ourense, que nestes anos votou contra todo o que podía ser un revulsivo para Ourense. Díxonos cen veces non ao futuro. Por iso a aposta de futuro é o BNG”, subliñou Paz, “porque as nosas candidatas recollen o traballo da militancia e o testemuño nas institucións para que Ourense teña futuro”.

O acto contou coa actuación do cantautor Roberto Sobrado, e tamén interviron Suso Vilasánchez, número 2 da candidatura, e Diego Lourenzo, número 6.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG