A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, mantén un encontro feminista na cidade para trasladar as primeiras medidas que porá en marcha o goberno do BNG á fronte da Xunta de Galiza en materia de igualdade e loita contra a violencia machista. Entre os compromisos, Presas destaca a creación dunha Valedoría da Igualdade, o impulso dunha Lei Galega de familias monoparentais –unha realidade crecente que precisa apoio- e o aumento dos recursos para loitar contra a violencia de xénero.
Durante o encontro no Mur Marxinal, Presas reafirma o compromiso do BNG e o seu propio coa igualdade e na loita contra a violencia machista. “Facemos un chamamento a que todas as mulleres e todas as persoas comprometidas coa igualdade e que queren unha Galiza e un Ourense feminista, confíen e concentren o voto no BNG” afirma.
A cabeza de lista avanzou que estamos ante unha “oportunidade histórica” que é dobre: “ter por vez primeira vez na historia unha muller como presidenta da Xunta de Galiza e, por outra parte, un goberno comprometido coa igualdade e a loita contra a violencia machista”.
O feminismo é imparábel e o cambio galego tamén
Presas adianta as primeiras medidas que o BNG levará a cabo desde o goberno galego a partir do 18F. Deste xeito, comprométese a crear a Valedoría da Igualdade “que sirva como un instrumento para combater desigualdades que persisten, como por exemplo a fenda salarial”. Este órgano de defensa cidadá actuará de maneira directa ou indirecta en situacións de discriminación por razón de xénero, con funcións de investigación, asesoramento ou mediación para a promoción da garantía de cumprimento do principio de igualdade.
Por outra parte, Presas sinala o impulso da Lei Galega de Familias Monoparentais porque “esta é unha realidade crecente e que ten moitos problemas de crise económica e cómpre apoiar”. Este texto lexislativo blindará o recoñecemento específico daquelas que o son en orixe, motivadas por unha decisión libre e consciente, que no actual marco normativo están invisibilizadas na actualidade.
“Melloraremos e incrementaremos os recursos destinados á loita contra a violencia machista. É fundamental para Ourense que se reforce o investimento e destinar 1 de cada 100 € do orzamento para loitar contra a violencia machista e que sirva para reforzar os Centros de Información á Muller e que poida haber unha boa cobertura territorial para non discriminar as mulleres do rural” asegura.
Así mesmo, reformará integralmente os Puntos de Encontro Familiar. “Na cidade, por exemplo, son recorrentes as denuncias e os problemas pola inadecuada xestión deste espazo. O compromiso do BNG é pórlle fin a estas eivas”.