Congreso

Néstor Rego reclamou máis investimentos en infraestruturas nos Orzamentos destinados á Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego
O deputado nacionalista destacou que en canto as contas do Estado soben 138% (53% as do MITMA) o investimento na Galiza cae en 11% en relación cos orzamentos de 2018 do Partido Popular. Rego sinalou que os 832 millóns de euros previstos son claramente insuficientes e discriminatorios para o noso País e advertiu que, se non se modificaren substancialmente, o BNG votará en contra.

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego no Congreso, Néstor Rego, durante a intervención na Comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, cualificou como “insuficientes” os investimentos en infraestruturas previstos para a Galiza e advertiu que, se non houber modificacións substanciais no proceso de debate, o BNG votará en contra dos Orzamentos do Estado por seren “inaceptábeis e que discriminan gravemente o noso País, en materia de infraestruturas de transportes e mobilidade de forma moi evidente”.

O deputado nacionalista denunciou o déficit histórico en infraestruturas ferroviarias que padece Galiza así como, o estado “calamitoso” en que se encontran algunhas liñas e salientou que por iso o BNG priorizou as actuacións nos camiños de ferro no acordo de investidura asinado no mes de xaneiro.

Néstor Rego sinalou que o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana non prevé ningunha partida orzamentaria para a liña A Coruña-Lugo nin para a conexión ferroviaria co porto exterior de Punta Langosteria e tampouco para a liña de FEVE, que articula todo o norte do país entre Ferrol e Ribadeo. Ademais, a modernización da liña A Coruña-Ferrol só conta cunha partida simbólica que non permitirá adiantar ningunha actuación.

O deputado nacionalista salientou tamén que, pese a que os responsábeis do MITMA enfatizan que se triplican os recursos para modernizar as cercanías, na Galiza non existe un servizo merecente de tal nome, mais tampouco se prevén investimentos para o pór en andamento. Tampouco existen aínda liñas dos camiños de ferro que son vitais, como a que debe conectar Santiago e Lugo.

En canto ás liñas de alta velocidade, Rego destacou a previsión “ridícula” para a variante de Ourense (apenas 29 M€ sobre un total de 636 en que está orzamentada a obra) e a falta de partidas orzamentarias para a conexión do Eixo atlántico entre Vigo e a fronteira portuguesa que cualificou de “imprescindíbel para completar esa liña e conectar con Portugal”. Lembrou que a propia Ministra de Cohesión Territorial portuguesa, Ana Abrunhosa, criticaba públicamente o Goberno español por pretender impor como prioritario para as infraestruturas ferroviarias de Portugal a liña Lisboa-Madrid, cando o obxectivo central do Goberno portugués é a conexión Lisboa-Porto-Vigo.

En referencia ás infraestruturas viarias, Néstor Rego salientou o caso da autovía A-54 entre Santiago de Compostela e Lugo, que leva tres décadas desde que se iniciase, e en que é preciso finalizar xa os dous tramos que faltan entre Palas de Rei e Arzúa. “Sería bo que despois de 30 anos o Ministerio decidise rematar dunha vez por todas unha vía que é chave para estruturar o para o noso País” subliñou.

Aliás, o deputado nacionalista cuestionou que outras dúas actuacións importantes como a A-56, entre Ourense e Lugo, e a A-74, na Mariña, só conten con partidas simbólicas, “o que evidencia a falta de interese do Ministerio por estas actuacións.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG