O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, aproveitou a súa intervención en sede parlamentaria para apuntar o compromiso da organización nacionalista cos dereitos sociais e en contra da corrupción política. Rego criticou a utilización das institucións, por parte do PP, e a insistencia de manter viva a Lei Mordaza: “obsesión por recortar dereitos e liberdades públicas”.
Durante a sesión parlamentar, Rego comezou sinalando que “o PP vai sempre moi xusto en democracia e moi sobrado en corrupción” despois de terse dado a coñecer o escrito que Bárcenas presentou a Anticorrupción. Así mesmo, criticou a utilización das institucións en beneficio propio, que realizou o PP, o cobro de sobresoldos en sobres para reformar a sede popular de Génova 13 ou mesmo para destruír probas.
Neste sentido, o deputado do BNG denunciou o financiamento ilegal do PP mentres apuntaba que o concepto de democracia que posuía a formación conservadora “tamén está recortar dereitos e capacidade de actuación política”. Rego lembrou que a formación popular promoveu en 2002 “unha lei de partidos para tentar excluír á esquerda abertzale. Claro que, se neste Estado houbese xustiza democrática e independente, con esa lei na man e despois de todo o que sabemos- e seguro que hai moito máis que descoñecemos- o PP estaría ilegalizado por organización criminal”.
O deputado nacionalista incidiu na “obsesión do Partido Popular por recortar dereitos e liberdades públicas” coa emenda presentada “empeñándose en defender a esa criatura que o pobo bautizou con xustiza como Lei Mordaza”. Así mesmo, Rego explicou que “sen renunciar a derrogación da actual Lei de Seguridade Cidadá, votaremos en contra da emenda presentada. O BNG xa apoiou no seu momento a toma en consideración da proposición de lei do PNV porque vai na liña correcta”.