Ao fío do debate aberto sobre a posíbel formalización do uso das linguas oficiais no Congreso, o deputado do BNG, Néstor Rego, lembra que a formación nacionalista leva moito tempo reclamando que isto sexa posíbel. Entre outras accións, no pasado mês de xuño de 2022 foi debatida unha Proposición de reforma do Regulamento do Congreso, iniciativa do BNG e outras forzas políticas (ERC, EH Bildu, Junts, PdeCat, PNV, CUP e Compromís) para recoller expresamente ese dereito. Para Rego, aínda que o obxectivo fundamental é normalizar o uso do galego na Galiza, poder utilizalo no Congreso “ten un valor simbólico innegábel e sería un paso no recoñecemento do carácter plurinacional do Estado, da existencia de nacións como a Galiza”.
Néstor Rego salienta que o Regulamento do Congreso non prescribe ninguha lingua de uso nessa Cámara e, no entanto, sistematicamente a Presidencia impide o uso das linguas oficiais diferentes do español, cortando as intervencións -como aconteceu ao deputado do BNG en diversas ocasións- se se fixeren en galego, euskera ou catalán. Esa foi a razón de diferentes forzas nacionalistas -entre elas o BNG- presentaren unha iniciativa lexislativa para recoller expresamente esa posibilidade.
Como o propio deputado nacionalista lembrou na súa intervención en defensa da iniciativa, “onde queremos ver a nosa lingua normalizada é na Galiza, mais tamén que deputados e deputadas poidamos empregar no Congreso a lingua do noso pobo, a lingua das persoas que nos elixiron, ten un valor simbólico innegábel”. Para Néstor Rego, formalizar o uso de galego, euskera e catalán no Congreso -tamén plenamente no Senado, que só o permite en debates xerais-, sería un paso no recoñecemento do carácter plurinacional do Estado, da existencia de nacións como a Galiza e dos dereitos que lles corresponden”.
O deputado do BNG subliña que o Estado español asinou a Carta Europea das Linguas e que, por tanto, ten un compromiso legal de avanzar na normalización do galego no ámbito da administración do Estado, particularmente na súa relación cos galegos e galegas e coas outras administracións do noso País. Ese compromiso -especialmente no que atinxe a Administración de Xustiza ou no respecto da nosa toponimia- ficou tamén expreso no Acordo de Investidura de 2020.
Para Néstor Rego, que se xerase de novo o debate sobre o uso das linguas -para alén de abrir a porta a recoñecelo- pode favorecer tamén un impulso á necesaria normalización do galego -comezando pola Administración Xeral do Estado- mais tamén hai que velo como un síntoma -máis un- do papel relevante que a cuestión nacional vai ter na presente lexislatura. Un debate en que a Galiza non pode estar ausente nin ficar atrás. “É a oportunidade de avanzar en autogoberno e de blindar a capacidade real do noso País para decidir sobre os seus asuntos. O BNG vai estar aí para colocar a Galiza no debate e para nos asegurar que non fique nin un milímetro por detrás do que se poida recoñecer a Euskal Herria ou Cataluña”, asegura o deputado nacionalista.
Anexamos no seguinte enlace o video da intervención do Deputado Néstor Rego durante o debate de toma en consideración de proposta de reforma do Regulamento do Congreso para permitir as intervencións nas distintas linguas oficiais que tivo lugar en xuño de 2022.