Néstor Rego chama en Foz a participar masivamente na manifestación do 25 de Xullo, Día da Patria Galega

Acto Foz
Acto Foz

O deputado da frente nacionalista considera probado que o BNG é a única forza política que “sempre pon por diante os intereses das galegas e galegos” e apunta a necesidade de ensanchar o proxecto e ter “un BNG máis forte”

O BNG demanda confiar nas capacidades que da Galiza e aspirar a un maior autogoberno para poder desenvolver políticas propias en beneficio do conxunto do País e das clases populares

O Bloque Nacionalista Galego organizou un acto en Foz dentro da xeira de eventos enmarcados na semana previa ao 25 de Xullo, Día da Patria Galega, que contou coa intervención do deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o tenente de alcalde de Foz, Francisco X. Fanego, e a concelleira de Xuventude e Deporte en Foz, Gema Méndez. Animaron a participar no Día da Patria o vindeiro luns, en Santiago de Compostela, para celebrar “que somos galegos e galegas, que partillamos unha lingua e unha cultura propias. Que somos unha nación”.

O vindeiro 25 de xullo, luns, en Santiago de Compostela decorrerá unha manifestación convocada polo Bloque Nacionalista Galego para celebrar o Día da Patria Galega. Unha data especial para as e os nacionalistas, e para o conxunto da cidadanía galega, por ser a data que as Irmandades da Fala escolleron para celebrar o feito de que a Galiza é unha nación: cunha lingua e cunha cultura propias.

Acto Foz
Acto Foz

Mais, a organización nacionalista entende que, ademais de ser un día de festexo tamén é un día de reivindicación. “Defendemos unha Galiza máis igualitaria, máis forte, próspera e libre. Sobre todo a día de hoxe, neste contexto de crise social e económica precisamos avanzar para unha nova Galiza e gañarmos o futuro” destaca o deputado do BNG durante o acto. Rego chamou a confiar nas propias capacidades que ten o País e a aspirar a un maior autogoberno, con capacidade para defender os intereses da Galiza e mellorar a vida dos galegos e galegas.

“Mentres os galegos e galegas sigan sumidos baixo as leis aprobadas a 600 quilómetros, desde Madrid, ou a 1.800, desde Bruxelas non poderán desenvolver as súas capacidades e avanzar. No BNG defendemos a necesidade de superar o marco autonómico e camiñar cara un novo marco xurídico político que recoñeza á Galiza como o que é, como unha nación” reivindica Rego. Unha nación, continúa o deputado nacionalista, que blinde a súa capacidade de decidir sobre o seu futuro e que supoña poder adoptar decisións en ámbitos que son fundamentais para mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas.

Na actual crise de prezos, o deputado sinala o papel fundamental que ten a regulación do sistema eléctrico que, para alén de estar pensada para maior beneficio dunhas poucas empresas, é unha competencia exclusiva do Goberno do Estado mentres que a Galiza é una verdadeira potencia en xeración de enerxía eléctrica mais non se beneficia desa capacidade. “Non abonda coas medidas que anunciou o Goberno de Sánchez a semana pasada, pois aínda que van na boa dirección, son necesarias reformas estruturais, modificar o sistema desde a base e compensar a Galiza como produtora excedentaria aplicando a Tarifa Eléctrica Galega” reivindica.

“Se tivésemos un goberno con capacidade para lexislar, regular e por a traballar eses recursos para o desenvolvemento social e económico da Galiza” destaca Rego, “poderíamos pór en marcha un sistema produtivo que xerase novas actividades e postos de traballo no noso País e que fose capaz de mellorar os salarios e, en definitiva, o benestar de todos os galegos e galegas.

Ante isto, Rego considera probado que o BNG é a “única forza política que, de forma permanente, antepón os intereses dos galegos e galegas diante de calquera outra cousa. É a única formación que vai á raíz dos problemas e que aporta solucións para os mesmos, e tamén porque é a única organización que sinala a necesidade de incrementar a capacidade de decisión dos propios intereses”. Por este motivo, o deputado da frente nacionalista entende que é preciso “un BNG máis forte” con capacidade e peso para defender os intereses da Galiza.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG