Ana Pontón e Carlos Callón denuncian casos de deturpación da toponimia e trabas para o uso do galego na Universidade pública a distancia
A deputada do BNG, Ana Pontón acompañada do Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón e o membro da Mesa, Marcos Maceira deron conta hoxe, ante os medios de comunicación, da resposta da Xunta ante a denuncia formulada pola Mesa contra o incumprimento da normativa vixente en materia de toponimia galega por parte da UNED.
A deputada nacionalista lembrou que se está a utilizar a toponimia galega de maneira deturpada polo que se deu curso a denuncia, a través dunha iniciativa parlamentaria cunha resposta que cualificou de alarmante porque confirma o abandono de calquera función positiva sobre o idioma galego por parte da secretaria xeral de Política Lingüística.
Existe unha única forma válida de topónimos que a UNED non respecta
Pontón recordou que existe unha normativa que confirma a única forma válida dos topónimos en lingua galega recoñecendo tamén o nome das provincias e non respectar isto, resulta unha involución e un incumprimento da legalidade vixente. Neste sentido, considerou rechamante que a propia secretaría Xeral aluda a Real Academia española para indicar que hai que cumprir a legalidade en materia de toponimia e preguntou se deben seguir subvencionadas as institucións que incumpren a lei.
Pola súa parte, o Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón salientou que as queixas recibidas na Mesa son remitidas a todos os grupos parlamentares ao fin de seren corrixidas, temos que agradecer, dixo, ao BNG a tramitación desta denuncia e lamentou que o Partido popular nunca se faga eco das denuncias.
Callón pediu ao Goberno galego que cumpra coas súas obrigas de defenderen o marco legal do que nos temos dotado en máis trinta anos de Autonomía.O que denunciamos hoxe non é un capricho do BNG ou da Mesa, é o incumprimento clamoroso da Lei de Normalización Lingüística.
O galego, reiterou, é a única lingua que non se pode utilizar na Uned, o Goberno catalán posibilitou os estudos neste idioma ao igual que o Vasco e consideramos que o Goberno galego algo debería facer.
O Goberno galego amparase na liberdade de cátedra para non respectar a toponimia galega na UNED
O mesmo Goberno que hai dous anos instaba a censurar un libro de texto que recollía que o galego era a lingua propia de Galiza reproducindo un artigo do Estatuto de Autonomía, agora nos responde que se nunha universidade pública se restan puntos a estudantes por defender os topónimos galegos iso é liberade de cátedra.
Asemade salientou a coincidencia da rolda de prensa, 24 de febreiro, co día dedicado a Rosalía de Castro, tristemente eliminado polo Goberno galego do calendario, do libro e da lectura porque lles incomoda a figura de Rosalía como símbolo do País e da defensa da nosa lingua e cultura, afirmou.
O medios de comunicación tampouco respectan os topónimos galegos
Estamos a falar, engadiu, de ataques ao idioma galego por parte do Goberno que non se vían hai anos, denuncia que estendeu a algúns medios de comunicación como Tele 5 que tampouco respecta a lei vixente en materia de toponimia, non é a Guardia, Ourense ou La Coruña e non entendemos porque algúns grupos mediáticos cumpren co resto da toponimia do resto do Estado español e non o fan con Galiza, a Televisión española segue referíndose á Ría de Barosa supoñemos que foi unha confusión e quería referirse á Ría de Barbosa dos Piratas do Caribe, ironizou.
Finalmente, o Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística tamén denunciou que na actualidade a páxina oficial da UNED manteña topónimos galegos que non respectan a normativa vixente.