Montse Prado pide retirar o decreto que regula as Áreas de Xestión Clínica

A deputada acusou a conselleira de “burla e manifesto engano” aprobar un decreto sen ter finalizado as conversas coa Mesa sectorial

Montse Prado na Comisión de Sanidade

A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe na comisión de Sanidade, unha Proposición non de lei para pedir a retirada do decreto da Áreas de Xestión Clínica e iniciar un “dialogo” cos sindicatos e axentes afectados co obxectivo de acadar un modelo de xestión “de abaixo cara arriba” para mellorar a xestión da sanidade pública galega.

O partido popular rexeitou a iniciativa nacionalista alegando que o decreto avanza na racionalización dos servizos sanitarios.

A consellería debe iniciar o dialogo cos sindicatos

A parlamentaria incidiu na resposta social e do persoal sanitario contra o decreto, as medidas privatizadoras e os recortes como quedou de manifesto, dixo, no seguimento das xornadas de folga na sanidade os días 9 e 10 de decembro e na manifestación do pasado 26 de marzo, “ O Goberno debe rectificar se non quere que sega a contestación social”.

Vostedes, censurou, aprobaron un decreto con “nocturnidade e alevosía” coincidindo coas conversas coa Mesa sectorial da Sanidade e insistiu na necesidade urxente de “iniciar o diálogo coas organizacións sindicais”.

O decreto, afirmou, “non avanza na mellora da xestión”, moi polo contrario introduce grandes “ambigüidades” sobre recursos humanos, previsións na súa aplicación e situación laboral dos profesionais que se acollan á nova xestión.

“Queren trasladar a responsabilidade dos recortes aos profesionais” indicou a nacionalista que a maiores acusou á titular de Sanidade, Rocío Mosquera de manter unha “farsa” nas negociacións coa Mesa sectorial mentres daba luz verde a aplicación do decreto, “non aceptaron ningunha suxestión dos sindicatos” e agora seguirán practicando a “demagoxia barata”, denunciou.

Retirada inmediata dun decreto que conduce a máis privatización da sanidade

Para a deputada a retirada do decreto debe ser inmediata porque non aporta garantías e abre as portas a novas privatizacións, nós dixo, dende o BNG apostamos pola sanidade pública e polo mantemento do persoal do SERGAS como “persoal estatutario”.

Finalmente, Prado tamén fixo referencia o informe do Consello Consultivo de Galiza que entre as conclusións resalta: “irregularidades xurídicas no proxecto ” polo que reiterou a petición para a súa retirada e recalcou que “O partido popular non pode seguir actuando na Sanidade pública fronte a todo o mundo”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG