A nacionalista acusou ao Partido popular de usar a porta de a trás para implantar unha Lei baseada na mentira e o engano
A Lei de garantías de prestacións sanitarias saíu hoxe adiante só cos votos do Partido popular.
A portavoz de sanidade do BNG, Montse Prado mostrouse especialmente crítica cunha lei destinada a dar cobertura legal á privatización da sanidade galega e acusou ao PP de usar a porta de a trás para a súa implantación.
Prado tamén criticou, que unha vez máis, o Partido popular, facendo uso da súa maioría, non aceptara ningunha das emendas da oposición nin o rexeitamento social a nova lei.
A lei non garante os dereitos d@s doentes
Para a deputada, esta é unha das leis máis importantes da lexislatura que o PP utiliza como caixón de xastre para privatizar a sanidade, os tempos de espera, libre elección de profesional, centro sanitario e información de dereitos sanitarios xa estaban recollidos, dixo en diversas lexislacións e agora o único que fai o Partido popular é reflectir estes conceptos nunha lei para dar cobertura a súa privatización.
Prado criticou a intención do Partido popular de tentar vender unha propaganda novedosa sobre algo que non existe, é unha mentira e novo engano, recalcou a nacionalista.
Neste sentido, asegurou que Lei representa un engano nos tempos máximos de espera, tempos, explicou de 60 días para operacións cirúrxicas e 45 días para probas diagnósticas e consultas que non se van cumprir na actual situación na que puxo o PP á Sanidade pública. As listas de espera do 2013, abondou, seguen aumentando e agora preséntanos unha lei de garantías con menos recursos e medios.
A aposta do PP pola sanidade privada, dixo, non só é denuncia polo BNG e usuari@s, tamén o CES manifestou nun informe que os prazos que establece esta lei non van ser factíbeis nin sequera a medio prazo.
A deputada do BNG trasladou ao Parlamento galego as demandas de profesionais e colectivos contra unha lei que nin é necesaria nin aporta nada novo agás a privatización da Sanidade pública, discrimina ás persoas con menos recursos e só as persoas con capacidade económica poderán pagar as consultas, e desprazamentos.
O bombardeo de Gernika presente no debate da lei de garantías sanitarias
O incidente do debate producíase cando a nacionalista comparou ao PP coa Lexión Cóndor, forza de intervención do fascismo alemán enviada para axudar as forzas militares de Franco. Na súa opinión, o PP defende unha lei de garantías sanitarias que provocará un grave impacto contra @s usuari@s. A metáfora custoulle á deputada do BNG unha chamada á orde da Presidenta da Mesa do Parlamento que pediu retirala do Diario de sesións ao que Prado replicou que os feitos históricos non poden ser negados.
Pola súa parte, Pilar Rojo volveu pedir á deputada retirar a comparación, petición que Montse Prado, por segunda vez, rexeitou e que finalmente foi retirada por decisión da presidenta do Parlamento.