Montse Prado demanda solucións á “extrema” situación das urxencias do CHUS investigada pola fiscalía

CHUS
CHUS

Pídelle a Almuíña que escoite as demandas d@s profesionais porque “están ao límite” nun servizo no que está en xogo a vida das persoas

A portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, responsabilizou á Xunta da situación “extrema” das urxencias do Centro Hospitalario de Santiago que mesmo chegou a Fiscalía despois de que apreciase indicios de posible delito despois de que unha persoa doente falecese nos corredores do CHUS mentres esperaba ser atendida no servizo de urxencias.

“Elude contestar aos problemas e limítase a dicir que a sanidade pública está estupenda, pero os profesionais consideran que a situación do servizo é insostible desde punto de vista laboral e desde o punto de vista da prestación do servizo”, salientou Prado, situación que os e as traballadoras “levan denunciando desde 2012 pero sen acadar máis que palabras e sen quedarlle outra saída que a da mobilización”.

A deputada salientou que os problemas no servizo de urxencias do CHUS son “estruturais” porque se manteñen ao longo de todo o ano, debido á falta persoal nun centro hospitalario que soporta as ratios máis baixas de todos os hospitais do SERGAS.

“Un servicio de urxencias que atende unha media de case 400 casos diarios, con pacientes cada vez de maior idade, de maior pluripatoloxía, e todo mentres se ten por consigna minimizar a cifra de ingresos, as cirurxías son cada vez máis ambulatorias, pechan camas, aumentan as listas de espera, aumenta o número de pacientes oncolóxicos e se precariza máis a atención primaria”, relatou.

Prado pediu ao titular de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, “que deixe de faltarlle ao respecto aos traballadores e traballadoras e mesmo ao Parlamento, aínda que xa sabemos que lles molesta que haxa sanidade pública e están directamente na Consellería como cabalos de troia da sanidade privada”. Por contra, reclamoulle ao Goberno galego que atenda as peticións duns profesionais “que queren exercer con dignidade porque se trata da saúde das persoas nada menos que nun servizo de urxencias, e está vostede poñendo en risco aos profesionais e aos doentes e hai xa casos investigados pola Fiscalía”, alegou.

Por iso, Prado reclamou ao conselleiro “que atenda as demandas do cadro de persoal do servizo de urxencias, cumpra coas melloras de material, e comprométase  a dar resposta ás peticións dos e das traballadoras porque son cuestións de mínimos”, reclamou, “e deixe de lado o seu relato fraudulento da realidade”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG