A senadora do BNG, Carme Da Silva, e o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, participaron este serán nun acto aberto no Edificio Multiusos de Arcade para presentar as iniciativas rexistradas na cámara alta, unha pregunta e unha moción, para demandar a Adif que proceda a desafectar de uso ferroviario a vía entre Arcade e Pontevedra para destinala a Vía Verde e poñer de manifesto o traballo feito polo concello e a veciñanza para lograr a desafección da infraestrutura ferroviaria e posibilitar a Vía Verde.
O alcalde sinalou que “a habilitación dunha Vía Verde é unha demanda histórica do BNG de Soutomaior e da veciñanza do noso concello”. Engadiu que “levamos anos a traballar para exixir ao Goberno do Estado que leve a cabo os trámites precisos para que Adif desafecte o treito de vía necesario para crear a Vía Verde entre Arxade e Pontevedra porque é unha infraestrutura necesaria para a veciñanza e vai contar con todo o empeño do goberno local para que sexa unha realidade”.
Pola súa parte, a senadora explicou as iniciativas presentadas no Senado.
Anos de reivindicacións veciñais
En liña co manifestado polo alcalde, Da Silva lembra que esa reivindicación foi trasladada polo BNG ao Ministerio en diversas iniciativas parlamentares no Congreso e emendas aos Orzamentos do estado no ano 2022. A nivel municipal, subliña, fixéronse numerosas actividades, accións e incluso unha marcha que contou cunha alta participación social.
A senadora do BNG salientou a contribución das Vías Verdes á sustentabilidade e a unha mellor calidade de vida, incentivan formas de vida saudábeis e o deporte, dinamizan áreas do rural e promoven o comercio local e a hostalaría. Neste sentido, menciona a Vía Verde do Salnés que empezou unindo os concellos de Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas. Da Silva “estender a Vía, posibilitando a conexión desde Pontevedra ate Arcade e unila co tramo Redondela-Vigo, convertiría esta senda nun atractivo turístico de interese para os municipios polos que pasa.
Non hai razóns para que Adif se opoña. Debe desbloquear esta infraestrutura
Carme Da Silva alegou que “non existe ningún motivo para que o Ministerio non permita desbloquear unha infraestrutura que non se utiliza e facer o mesmo que se fixo noutras zonas”. Ademais, engade, non implica un investimento significativo, “só precisa de vontade política”. Trátase dun “proxecto que repercute no ben común, beneficia á veciñanza e aporta elementos positivos”.
O mesmo Ministerio indicou no Programa “Vías Verdes” que está destinado á reutilización de antigas infraestruturas ferroviarias como itinerarios non motorizados, contribúe á dinamización socio-económica, especialmente no rural, potencia a mobilidade sustentábel, o ocio participativo, o respecto ao medio ambiente e promove o turismo local.
A senadora do BNG afirmou que cando a moción vaia a debate na Cámara Alta, “agardo que conte co respaldo de todas as forzas políticas porque é unha demanda veciñal totalmente xusta”.