Mentres os aeroportos galegos esmorecen o Sá Carneiro gaña viaxeiros

A deputada do BNG, lamentou a caída de pasaxeiros e mercadorías nos aeroportos galegos e negou que o descenso obedeza á crise económica

A portavoz de Ordenación do territorio do BNG, Ana Pontón compareceu hoxe, ante os medios de comunicación ao fin de valorar a situación aeroportuaria galega tras a proposta do conselleiro Agustín Hernández nesta materia.

A parlamentaria cualificou de “chapuza, caos e improvisación” a política do PP e un “retroceso” no intento de coordinar e planificar o futuro dos aeroportos galegos.

Na súa intervención, Pontón explicou que nos últimos anos os aeroportos galegos sofren “unha caída en picado” no número de viaxeiros e tráfico de mercadorías como demostran os datos de descenso no aeroporto de Santiago nun 5,3 por cento, A Coruña 6% e Vigo 19,3%.

Para a deputada, esta situación constata “o fracaso da política aeroporturaria do Goberno central e da Xunta de Galiza” polo que reclamou a transferencia nesta materia para poder “xestionar nós os aeroportos”.

Mentres os aeroportos galegos esmorecen o Sá Carneiro gaña viaxeiros

Ana Pontón negou que o descenso de actividade nos aeroportos galegos teñan a súa orixe na crise económica xa que segundo ese argumento,dixo Portugal estaría na mesma situación e sen embargo o aeroporto Sá Carneiro de Oporto experimentou un grande incremento de viaxeiros nos último anos. A deputada afirmou que as causas non son de tipo económico, máis ben, dixo, responden a un “modelo centralizador que beneficia ao aeroporto de Madrid”.

A proposta do conselleiro, Agustín Hernández, engadiu, redunda no “desleixo e despreocupación da Xunta nesta materia e resulta unha “nova chapuza” que nos sitúa na “descordinación” e nunha política do “sálvese quen poida”.

O descenso de viaxeiros constata o fracaso da política aeroportuaria do Partido popular

A nacionalista insistiu en que este tipo de propostas provocarán más descenso de viaxeiros por obrigar a negociar de “maneira bilateral” aos concellos cos liñas aéreas e moito nos tememos, alertou que algunha saíra beneficiada.

Por outra parte, denunciou que o proceder da Xunta alimenta o localismo de forma “estéril e inútil” e vai en contra dos intereses xerais de Galiza. Hernández desvinculase da política aeroportuaria argumentando a falta de competencias o que, a xuízo da parlamentaria resulta contraditorio ao outorgar aos concellos as competencias que o conselleiro nega para o Goberno galego.

O BNG, dixo, reafirmase na súa posición de “descentralizar a xestión dos aeroportos” e defendeu que todos os galegos e galegas teñamos a responsabilidade do futuro e xestión dos aeroportos como acontece en toda toda Europa.

No mes de xuño foi debatida unha iniciativa do BNG para retomar a coordinación cun comité de rutas e planificar o mapa de rutas aéreas, proposta que o Partido popular votou favorablemente sen embargo comprobamos, apuntou como a Xunta non asumiu o aprobado e abandona calquera tipo de coordinación nesta materia.

Pontón criticou que as propostas do Ministerio de Fomento sexan “papel mollado” que impiden que os aeroportos se convertan nun elemento económico de desevolvemento polo que propuxo elaborar un mapa de rutas co Goberno galego e concellos para garantir as conexións cos grandes sistemas aeroportuarios europeos, incrementar as conexión internacionais directas, sobre todo con aqueles lugares con grande presenza de emigración galega, e potenciar o tráfico de mercadorías.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG