Galegas 2016

Medidas para blindar o dereito á saúde: suprimir repagamentos, recuperar os servizos privatizados e o persoal sanitario

Centro de saúde Concepción Arenal en Santiago
Centro de saúde Concepción Arenal en Santiago
  • Pontón pide o voto das persoas inconformistas que confían no país sabendo que os escanos que o BNG disputa ao PP son a chave para quitarlle a maioría a Feijóo

A candidata á Presidencia, Ana Pontón, elixiu o Centro de saúde Concepción Areal en Santiago para explicar as medidas do BNG en defensa da sanidade pública que sintetizou en tres prioridades a partir do 25S: supresión dos repagamentos de medicamentos de execución inmediata, recuperar aos 2.000 profesionais da sanidade eliminados polos recortes do PP, -o que tería un efecto evidente nas listas de espera-, e un plan de recuperación progresiva dos servizos sanitarios privatizados.

“Queremos blindar o dereito a saúde” sintetizou Pontón, nun encontro con persoal sanitario, “e iso pasa por unha aposta pola sanidade pública, dándolle a volta á situación de deterioro creada por oito anos de recortes e privatizacións do PP. Nunca un goberno fixo tanto dano á sanidade pública como o do señor Núñez Feijoo”, denunciou. “Non se pode facer negocio coa saúde”, conclúe.

Para que ese cambio real sexa posible tras o 25S, Pontón pediu o apoio “das persoas inconformistas que confían no país e nas súas posibilidades”, ás que se dirixiu salientando que os escanos que o BNG disputa ao PP son a chave para quitarlle a maioría absoluta do Feijóo. “As persoas indecisas dígolles que un resultado potente do Bloque é a clave para derrotar ao Feijóo e tamén é a garantía dun cambio profundo e non só de caras para, desde as nosas propias forzas, para acabar coa submisión, coa dependencia e co espolio”.

Remontada

A candidata destacou que a campaña “en positivo e con propostas” está provocando unha “remontada” do BNG, xa desde o debate no os galegos e as galegas “viron que temos un proxecto alternativo, solvente e que somos capaces de dicirlle a cara as cousas ao señor Feijoo, que por iso non quixo volver dar a cara con nós”. “Mentres el ten unha coalición con Baltar, o BNG ten unha coalición cos galegos e cas galegas desde a decencia e a honradez”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG