En marcha, a campaña do BNG "Que non nos rouben o tren"

Xavier Vence: “De pouco vale ter quilómetros de camiños de ferro de infraestrutura de alta calidade se os servizos que se ofrecen diminúen”

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2013.- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, a deputada no Congreso Rosana Fernández e o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, presentaron en rolda de prensa a campaña do BNG “Que non nos rouben o tren”, destinada a defender este medio de transporte público perante os inminentes recortes na oferta de Renfe e de ADIF nos servizos ferroviarios de proximidade e de media distancia que deixarán comarcas galegas incomunicadas.

Trátase dunha emenda á totalidade á política de recortes do PP, explicou Vence, neste caso centrada no transporte ferroviario que se engade á do sistema aeroportuario, “pensada exclusivamente para axustar as cifras do orzamento público ao servizo do rescate bancario, que conduce a un progresivo deterioro dos servizos fundamentais para o desenvolvemento económico do país”. Segundo afirmou, esta política ferroviaria do PP, anunciada a posteriori da súa execución, é proba da improvisación e vai provocar unha “profunda desestruturación do territorio galego”.

“A incongruencia máis absoluta é que un billete de tren Alvia da Coruña a Madrid sexa máis barato que outro da Coruña a Ourense”, puxo como exemplo, “reflexo dunha política ferroviaria concibida cunha lóxica centralista e madrileña por parte do Ministerio de Fomento e de Renfe”.

O BNG reivindicou historicamente unha política ferroviaria propia para Galiza porque o tren é un transporte esencial, sustentábel e debería ser o máis económico, ademais de contribuír a articular o territorio, sinalou, por iso a formación nacionalista demanda que a Xunta reclame as competencias plenas para a constitución dunha compañía ferroviaria galega. Requiriu, ademais, que o Goberno galego exerza como tal e represente os intereses de Galiza para reivindicar estes servizos ferroviarios fronte aos recortes que impón o Goberno do Estado.

Así, puxo de manifesto a contradición dos investimentos realizados para a conexión do tren de alta velocidade con Madrid, cando estes recortes “van provocar que Galiza conte cos peores servizos de transporte ferroviario das últimas décadas, con comarcas que van quedar sen este servizo”. “De pouco vale ter quilómetros de camiños de ferro de infraestrutura de alta calidade se os servizos que ofrecen á cidadanía diminúen”, explicou o portavoz nacional.

As construtoras sacan a principal tallada desta política de transportes

O que debería primar nunha política de transporte en clave social de futuro é o mantemento do servizo, con calidade nas prestacións e frecuencias adecuadas, así como favorecer con tarifas bonificadas este medio de transporte “en vez de enterrar millóns de euros que, en moitos casos, a quen benefician a curto prazo é a grandes construtoras que son as que sacan a principal tallada dese servizo”.

O BNG, pioneiro na defensa do ferrocarril en Galiza

Pola súa parte, a deputada Rosana Pérez lembrou que o BNG foi pioneiro dende hai 20 anos na defensa do servizo de ferrocarril en Galiza e repasou as iniciativas trasladadas ás institucións e ao Congreso dos Deputados, por iso nos consideramos con plena lexitimidade para reclamar melloras do servizo fronte a eliminación e supresión do ferrocarril, disfrazado con novas liñas e frecuencias do tren a Madrid.

Rosana Pérez: “O vindeiro martes debateranse dúas iniciativas do BNG no Congreso e no Parlamento galego para atallar este plan de recortes ferroviarios”

Así, anunciou que o BNG debaterá o martes 11 de xuño pola mañá no Congreso e pola tarde no Parlamento galego dúas iniciativas para que o Goberno do Estado dea marcha atrás neste plan de recortes ferroviarios e que dialogue cos sectores afectados, organizacións políticas e Xunta de Galiza para iniciar o traspaso de competencias en material de ferrocarril.

Rosana Pérez cuestionou tamén o ”seguidismo cego” dos plans marcados dende Madrid cando outros presidentes de comunidades autónomas, tamén do PP, fixeron unha defensa férrea para que non se eliminaran servizos ferroviarios, por exemplo, en Zamora.

Acto en Monforte pola defensa do ferrocarril

Severino Rodríguez, alcalde de Monforte, unha das cidades emblemáticas historicamente polos seus servizos ferroviarios, cuestionou “estes recortes vitais para o desenvolvemento económico e social das comarcas, ao tempo que se reforzan as comunicacións con Madrid, porque estas medidas van supor un empobrecemento progresivo e continuado do interior de Galiza e así é imposíbel saír da crise en concellos pequenos”.

Severino Rodríguez: “A Xunta e os alcaldes do PP permanecen calados ante a supresión de liñas e de paradas de tren anunciadas por Renfe e por Fomento”

Así, incidiu na necesidade de mellorar as liñas ferroviarias, vitais para mellorar o desenvolvemento económico e social do interior de Galiza e anunciou un acto do BNG para o vindeiro 30 de xuño en Monforte, “porque o ferrocarril ten que xogar un papel importante no desenvolvemento económico do noso país, porque non podemos permitir que mentres o Goberno do Estado recorta liñas, a Xunta de Galiza e os alcaldes do PP estean calados mentres suprimen servizos e paradas de tren, cando a súa obriga é defender por enriba de todo a cidadanía independentemente da cor política”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG