- O cabeza de lista pola provincia de Pontevedra asegurou hoxe en Vilagarcía que “cando dependeu do Bloque nunca gobernou o PP”
O candidato do BNG por Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe no mitin de Vilagarcía que “os galegos e galegas que volven confiar en nós e van votar BNG o domingo serán a clave da derrota de Feijóo e da chegada dun tempo novo a Galiza”. Bará salientou que é momento de cambiar tanto as caras como as políticas do goberno galego, polo que dirixiuse “aos que lle queren a Galiza, aos que non teñen decidido o seu voto, e a aqueles que dubidan en votar o domingo” a que pensen que é posible un proxecto diferente ao do PP co BNG como garantía de cambio.
Segundo dixo, o voto ao BNG será útil para deixar ao PP sen maioría absoluta, posto que os últimos deputados das catro provincias galegas serán pelexados polas dúas formacións. “Hai xente que vemos que está a retornar ao BNG, emocionados e convencidos co noso proxecto claro e definido de país, e eles son os que van derrotar ao PP”, dixo, para engadir que o ambiente desta campaña é de “auténtica remontada”, facendo referencia ao chamado ‘efecto Pontón’. “No BNG somos un produto galego de calidade, como se pode comprobar con Ana Pontón, unha muller feminista, válida con brillantez, creativa, con capacidade e talento, pero ademais fai as cousas por amor ao seu pobo cun grande sentimento de humanidade fronte ao goberno sen alma do PP”, destacou.
Bará fixo un repaso polas propostas do BNG para os vindeiros catro anos: a aposta pola creación dunha banca galega, por ter un financiamento propio que permita que os impostos dos galegos se reinvistan nos seus servizos públicos, polo desenvolvemento da innovación e a investigación aplicada aos sectores produtivos punteiros en Galiza, polo desenvolvemento dun plan de industrialización do país, pola aplicación dunha tarifa eléctrica galega... “Nós temos programa, -dixo- mais o PP só pensa no seu beneficio partidista e nos intereses das grandes multinacionais. Así pasa con Ence, así pasa con Audasa...”, salientou.
Nomeadamente Bará subliñou o descrédito do PP: “Nós soñamos cun banco público galego, con crear un banco de terras. E con que bancos soña o PP? –preguntou- Pois o PP ten pesadelos cos bancos dos acusados da Gurtel e das ducias dos casos de corrupción nos que están enzoufados”, asegurou. Por todo iso, manifestou enérxicamente que se “en Madrid levamos un ano cun goberno en funcións, aquí temos un goberno en ‘defunción’ que imos enterrar politicamente o vindeiro domingo!”.
Por outra parte, Bará tamén foi crítico coas forzas políticas estatais que veñen a Galiza para gañar posicións no taboleiro de xogo dunhas posibles futuras eleccións: “Debería darlles vergoña vir despois do lamentable espectáculo que están a dar. Sobre todo as forzas que se din de esquerdas, coa súa incapacidade para chegar a acordos, porque lle deron unha segunda vida a un cadáver político como era Rajoy”, asegurou.
Sobre a posibilidade dun acordo a nivel galego Bará foi claro. “En Galiza non vai ser por nós. Cando dependeu do Bloque nunca gobernou o PP, e por nós non vai ser que Feijóo siga de presidente. Os votos ao BNG serán decisivos e nós somos unha forza leal e temos a man tendida para chegar a un acordo para un cambio de políticas cun programa que aposte polo país”, salientou.
Así mesmo, Bará destacou a garantía do BNG nos gobernos nos que está: “No BNG somos un produto 100% galego: A nosa razón de ser é defender a Galiza. Temos demostrado ser unha alternativa sólida, seria, con convicción e demostrada solvencia. Sabemos o que queremos facer, temos proxecto e valentía para levalo adiante. Así se ve nos gobernos nos que estamos, nos que somos capaces de realizar cambios transformadores tanto nos concellos, na Deputación, como no seu día no goberno galego”, finalizou.