O deputado do BNG, Luís Bará formulou hoxe unha pregunta en comisión parlamentaria sobre o prazo para licitar e executar o proxecto de dragaxe da canle de acceso ao porto de Pontevedra no Río Lérez.
Tras explicar que a urxencia da dragaxe responde ás demandas do sector pesqueiro e marisqueiro por mor do depósito de sedimentos e a existencia dunha partida orzamentaria para as obras do ano 2018, o Presidente de Portos de Galiza, Juán José Durán respondeu ao deputado que o goberno ten “vontade política” para aprobar o proxecto canto antes e licitalo de inmediato.
Pola súa parte, o nacionalista cualificou de “inconcreta” a resposta do responsable de Portos de Galiza e afirmou que “a vontade política” expresase con licitacións no DOG, orzamentos e sobre todo, “coa execución das obras”.
O goberno municipal, a corporación municipal e o sector reclaman a drenaxe e a única discrepancia reside no lugar no que se verten os materiais. Si vostedes, dixo, están dispostos a cambiar o punto de vertidos resolverase o problema e teremos “un río dragado, produtivo e navegable como merece Pontevedra”.
De “Historia interminable” titulou o deputado do BNG a situación da dragaxe da canle do río Lérez e do fondo da ría porque a este ritmo, explicou, vai rematar máis tarde que outras infraestruturas que se están anunciando e que levan vinte anos de historia. O proxecto comezou nos primeiros meses do ano 2011, no ano 2012 foi o estudo da declaración ambiental, no ano 14, e por un cambio de normativa, paralízase o proxecto volvendo a súa fase inicial. Xa ano 2015 e grazas a unha “gran presión social e política”, Portos de Galiza comprometese a unha dragaxe prevista para o ano 2016. “Nada se fixo a pesar dun segundo compromiso para licitar o proxecto no ano 2018”, recalcou o nacionalista.
Luís Bará asegurou que existe “un apoio maioritario da corporación municipal de Pontevedra e sectores produtivos” para realizar esta obra de dragaxe, agás as dúbidas sobre o futuro do depósito de materiais, lodos e lamas de 220 mil toneladas que segundo o anteproxecto está previsto depositar ao leste da Illa de Tambo, previsión rexeitada por algunha confraría e sector de bateeiros polo impacto negativo nos fondos mariños e nos recursos. O parlamentario advertiu que o consenso non vai ser posible pero si un acordo maioritario con “valentía e determinación” para levar adiante as obras e de existir “algunha discrepancia”, puntualizou, haberá que buscar unha solución como xa se ten feito noutras ocasións.
O proxecto, despois de sete anos sigue paralizado e moito nos tememos, lamentou o parlamentario do BNG que o compromiso sexa cumprido nesta lexislatura polo que volveu apelar ao “grande apoio” co que conta a obra para ter “un río vivo, máis produtivo e máis navegable” así como para a rexeneración dos bancos pesqueiros e marisqueiros que en tempos gozaron de grande produtividade na ría de Pontevedra.
“Portos de Galicia ten unha débeda coa ría de Pontevedra” polo que pediu iniciar accións de inmediato sobre todo, buscando un depósito para os materias fora da ría como se fixo no caso da dragaxe en Marín, concluíu.