Galegas 2020

Luís Bará propón en Mos un Plan Director de Seguranza Viaria no Camiño Portugués a Santiago

Encontro Mos
Encontro Mos
O cabeza de lista do BNG reuniuse con hostaleiros e comerciantes do concello ante os que avogou por contratar persoal de atención a peregrinos e peregrinas sobre a ruta e as medidas sanitarias polo coronavirus

O cabeza de cartel do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, comprometeuse hoxe con representantes da hostalería e comerciantes do Camiño Portugués no Concello de Mos a elaborar un Plan Director de Seguranza Viaria no Camiño Portugués a Santiago para eliminar os puntos negros de grande perigosidade para peregrinos e veciñanza na zona.

Bará así o manifestou, acompañado por cargos orgánicos e institucionais do BNG, nun encontro coa mesa do camiño portugués no Concello de Mos, onde están representados a hostalería e tamén os aloxamentos da zona que traballan no ámbito do Camiño de Santiago, así como das A.V. Chan do Bosque, A.V. Veigadaña, A.V. de Mos, Cm.M de Mos e centros culturais de Guizán, Cividade e Mos.

Na reunión, na que se abordaron moitas das dificultades e necesidades polas que pasan comerciantes e hostaleiros da zona en xeral e concretamente trala crise derivada da COVID-19, Bará puxo sobre a mesa a necesidade urxente de poñer en marcha un plan director de seguranza viaria no Camiño Portugués. Destacou que na zona hai moitos puntos negros –como a glorieta de Amieirolongo- que son moi perigosos e que dan unha imaxe moi negativa do camiño para as persoas peregrinas. “Eses puntos negros tamén son perigosos para veciñanza e polo tanto dende o goberno galego e en colaboración co Estado o BNG vai desenvolver un plan para a eliminación destes puntos negros, para transmitir e coidar a seguranza para todas as persoas usuarias do viario existente”, dixo.

Por outra banda, outra das cuestións que se debateu foi a necesidade de coidar a seguridade sanitaria no Camiño con motivo da COVID-19. Subliñou que o BNG traballará en todo o que ten que ver coa información, a prevención e a seguridade “para transmitir unha sensación colectiva e común de garantías sanitarias dende a entrada pola fronteira de Tui en todo o Camiño Portugués”.

Subliñou, neste sentido, que é preciso mobilizar recursos dende a Xunta, os concellos e a Deputación para que haxa persoal específico de atención ás persoas peregrinas co fin de reforzar as funcións informativas en todos os establecementos hostaleiros, fundamentalmente nos albergues públicos.

Por outra parte, outro dos aspectos que se puxo sobre a mesa entre comerciantes e hostaleiros foi a necesidade de aumentar as axudas por parte do Goberno galego facerlle fronte a crise´e ao impacto que está a ter na hostalería e no comercio para poder saír adiante con vistas a un Xacobeo 2021. “Agardemos que o 2021 se dea nunhas circunstancias de certa normalidade que permita que haxa un despegue e unha reactivación da hostalería e tamén do aloxamento relacionado co Xacobeo e o Camiño portugués coa potencia que debe ter”, destacou.

Lembrou que ademais das axudas estatais para autónomos e pequenos comerciantes era preciso poñer en marcha unha a nivel autonómico para afrontar todos os gastos inmediatos, e criticou que a Xunta de Galiza non a asumira, tal e como aconteceu en todas as comunidades salvo en Aragón e en Galiza.

Bará amosou o seu convencemento por que o vindeiro 12X producirase o cambio galego que a Xunta necesita e que permitirá darlle un xiro ás políticas no país da man de Ana Pontón e do BNG. Subliñou que é preciso unha grande mobilización porque “hai partido” e está en xogo facer un país máis xusto e máis igualitario.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG