- O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra reuniuse hoxe en Vigo con representantes do colectivo ‘Os Ninguéns’
- A parlamentaria Ana Miranda anunciou que o BNG vén de conseguir un encontro coa comisaria de Asuntos Sociais e Emprego da UE
O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe que é preciso que Galiza conte un Servizo Galego de Benestar que garanta a protección social e o benestar dos galegos e as galegas igual que existe un Servizo Galego de Saúde (Sergas) que atende necesidades sanitarias. Así o indicou hoxe en Vigo despois de manter un encontro con representantes do colectivo ‘Os Ninguéns’, onde criticou a situación dramática e cruenta que está a vivir o país, con 700.000 persoas en risco de exclusión e pobreza (o 30% da poboación), e 115.000 con necesidades materiais básicas sen cubrir. “Esta é unha situación terriblemente dramática e insostible, e ante isto non podemos ter un goberno insensible, sen alma, que non afronta unha solución integral a este drama social”, asegurou.
Bará explicou que o BNG propón unha política integral e transversal que loite contra a pobreza e a exclusión social mediante a creación do mencionado Servizo Galego de Benestar co obxectivo de articular políticas integrais e transversais na busca de solucións, incluíndo o emprego, o acceso á vivenda, a cobertura das necesidades materiais, a educación, a sanidade, e todas aquelas políticas públicas que permitan atacar e resolver a cuestión.
O candidato destacou que será preciso tamén crear e desenvolver un Plan de Emerxencia Social que dea resposta ás necesidades primeiras das persoas -do alimento, de cubrir a tarifa eléctrica e a vivenda- como se fosen as necesidades de saúde. “Este plan debe incorporar medidas efectivas de natureza económica como o cumprimento dos prazos para o cobramento de prestacións ou programas de vivenda efectivos que garantan que ningunha persoa sexa desafiuzada da súa vivenda”, subliñou.
O compromiso do BNG, segundo dixo Bará, é que a protección social será unha política de estado prioritaria e que se poñerán os medios necesarios para convertela nunha acción central do goberno nacionalista. “A día de hoxe Feijóo segue sen desenvolver unha Lei de Inclusión Social. O PP demostrou que a crueza demoledora dos datos de pobreza e exclusión social non son suficientes para realizar unha aposta polas políticas sociais”, destacou.
Finalmente, Bará asegurou que para dispoñer de servizos públicos con garantías Galiza debe desenvolver ferramentas propias e ter unha financiación e fiscalidade propias. “Non é de recibo que sendo a Xunta a administración que debe proporcionar unha educación, sanidade e servizos sociais de calidade non teña marxe para actuar”, subliñou.
O candidato, durante o seu encontro con membros de ‘Os Ninguéns’, estivo acompañado pola parlamentaria europea Ana Miranda, quen anunciou que o BNG acaba de conseguir unha reunión coa comisaria de Asuntos Sociais e Emprego da UE, Marianne Thyssen, na que estarán presentes representantes de vinte colectivos do país para tratar cuestións de precariedade laboral, exclusión social e persoas empobrecidas. “A comisaria europea aceptou a entrevista xestionada polo BNG alarmada pola situación de pobreza de Galiza. Queremos xustiza social e falaremos con Thysen de renda mínima, de pobreza infantil, de vivenda, de integración laboral de persoas con discapacidade e de inmigrantes. Hai moitos temas na mesa e esta reunión vén a demostrar que o BNG é de utilidade nas institucións nas que está, xa que permite que unha delegación galega conte a realidade do país na UE de forma directa”, subliñou.