Lobeira presenta o Encontro Nacional Aberto como unha demostración da forza da militancia do BNG

DSCN3073O BNG quere converter o Encontro Nacional Aberto que celebra este domingo en Santiago de Compostela nunha “demostración de forza” na que máis dun millar de militantes e simpatizantes encherán o auditorio de Galiza como arranque dunha campaña electoral que aposta por “a mobilización masiva” da cidadanía fronte a estratexia “narcotizante e de somnolencia colectiva” que promove o PP.

En palabras do secretario de organización e coordinador de campaña, Bieito Lobeira, “Hai que mobilizarse contra a banda de delincuentes políticos organizada que constitúe a actual UE, a Troika e o Banco central”.

“Un grande encontro nacional no que terán voz os representantes dos sectores agredidos polas políticas da UE, colectivos aos que lle teñen roubado a súa vida, aos traballadores e traballadores explotados, aos mozos emigrantes, homes e mulleres do país que padecen os efectos dunhas políticas comunitarias que son aplicadas sen escrúpulos polo PP dende o Goberno galego e español”, explicou.

Lobeira augurou unha campaña electoral “dura” pola “desmobilización” que pretende o PP, pero “doada” para o BNG no debate político, por dúas cuestións. Primeira, a coherencia de ter sido unha forza que sempre denunciou e criticou este modelo “esmagador” da UE fronte á “sacralización” e ao “papanatismo europeo” de PP, PSOE e IU. Segundo, polo candidato popular o aínda ministro, Miguel Arias Cañete.

“Porque é un vello coñecido deste país, xa desde os tempos do Prestige, que mais ca un candidato é unha eficaz e potente máquina de exterminio de Galiza como pobo, dos seus sectores produtivos, agrario e pesqueiro, o seu programa é o intento de aniquilación da capacidade produtiva da nosa nación”, denunciou Lobeira.

Fronte a isto, “o mellor antídoto, a mellor receita é o nacionalismo galego que representa o BNG que confía no país, nas súas potencialidades e na súa xente, e iso é o que imos trasladar nesta campaña electoral”, recalcou.

Co mesmo lema de campaña, Corazón en Galiza, futuro na Terra. Rebélate polos teus dereitos, o BNG quere trasladar dúas claves. “Que hai unha alternativa desde Galiza, unha forza propia non supeditada a ningunha outra de obediencia española con centro de decisión en Madrid”, recalcou, “esa forza existe, chámase BNG, a mellor garantía para loitar polo noso futuro”.

Segunda, o “dereito que temos a rebelarnos” ante unhas políticas inxustas, que crean desemprego, emigración, pobreza, exclusión social.

Sen mailing, sen créditos bancarios

Lobeira tamén puxo en valor a campaña electoral do BNG, “diferente á de calquera outra forza política do país”, a única que non utilizará créditos bancarios porque os recursos nesta campaña proceden exclusivamente das achegas da militancia.

“O BNG non depende nin de bancos, nin de empresas, nin de ninguén, non está subvencionada, son aportacións da militancia e simpatizantes. Este é un mérito que queremos poñer en valor, nun momento no que o que abundan son sobres B, chanchullos, sobresoldos noutras forzas políticas”, explica Lobeira.

Igualmente, o Bloque non usará o correo masivo -mailing-, o que permitirá aforrar 465.000 euros públicos, nunha campaña “moi modesta” en termos económicos, “pero digna, baseada no traballo da militancia”.

“Queremos con esta campaña que a sociedade non quede na casa, que non se resigne, porque iso é o que pretende o PP para perpetuar as súas políticas agresivas contra o noso país”, concluíu Lobeira.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG