Jorquera rebate o “triunfalismo” da titular de Facenda e afirma: Hoxe “estamos peor”que hai un ano

O deputado asegura que os datos da Enquisa de Poboación Activa, 296.900 persoas desempregadas en Galiza e a débeda pública constatan o fracaso das políticas do Partido popular

Jorquera na tribuna

O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera cualificou hoxe de “plublireportaxe” a comparecencia, a petición propia, da conselleira de Facenda, Elena Muñoz para informar do obxectivo de estabilidade do ano 2013.

Jorquera iniciou a súa intervención lembrando os dados da Enquisa de Poboación Activa (EPA) da que dixo, confirman a taxa de paro do 23,2% con 296.900 persoas pero o déficit, do que vostedes presumen, parafraseando ao ex-secretario socialista, Pachi Vázquez, “está niquelado”.

Na comparativa interanual, Galiza 2ª comunidade onde máis medra o desemprego

O deputado criticou o “triunfalismo” da conselleira cando a realidade, dixo, confirma a existencia de 101.500 fogares galegos con todos os seus membros en paro pero o déficit “está niquelado” e non debemos preocuparnos, o control do déficit está feten e guai tanto, que pecharon o exercicio 2013 cun déficit inferior ao límite fixado “nunha décima”.

Vostedes falan con fachenda de rigor na xestión das contas públicas pero ese rigor conduce, como xa dixen o ano pasado, ao “rigor mortis ao noso país.” Dende o ano 2009 o paro medrou nun 70%, duplicouse o número de fogares con todos os seus membros e tamén se duplicou o número de fogares nos que xa non entra ningún ingreso, 120.000 en situación de pobreza severa e 650.000 galegos e galegas en situación de exclusión social, vostedes seguen negando “o proceso destrutivo” da base económica en Galiza.

Francisco Jorquera en sesión plenaria

A súa visión positiva da situación económica galega “lévanos á ruína” hipotecando o noso país, dende que vostedes gobernan, explicou, triplicaron a débeda pública, “ fixeron do equilibrio das contas o único obxectivo das súas políticas e fracasaron estrepitosamente”.

Máis recortes á vista

Sobre o futuro, o nacionalista lembrou que o Goberno central ven de aprobar o programa de estabilidade 2014-2017 con máis de 3.000 millóns de novos recortes para as comunidades autónomas e vostedes “aceitan sen rechistar” mentres Cataluña e Andalucía xa anunciaron que recorrerán este reparto ante o Tribunal Supremo.

Van vostedes algunha vez a defender os intereses de Galiza reclamando unha reforma do sistema de financiamento? ou as súas propostas seguirán sendo “slogans sen contido” e submisión ao ditado de Montero.

O BNG, concluíu xa puxo enriba da mesa as súas propostas para recadar tributos dos que máis teñen e crear emprego, “exerzan como Goberno e defendan os intereses galegos” reiterou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG