Jorquera: “Galiza non é a Mina do Partido popular”

Francisco Jorquera afirma que “Feijóo recibiu unha moción de censura do pobo galego”

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera manifestou que a multitudinaria manifestación de onte en Santiago de Compostela contra a Mina de Corcoesto e as novas explotacións mineiras, supuxo “unha moción de censura a Núñez Feijóo e ao seu Goberno”.

O parlamentario compareceu ante os medios de comunicación, acompañado da portavoz de industria do BNG, Carme Adán ao fin de presentar unha Proposición non de lei para pedir a retirada do Plan Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza e consensuar cos axentes do Consello Galego de Minería un novo plan de ordenación desta actividade en Galiza.

Galiza non é a Mina do Partido popular

Adán e Jorquera retomaron o lema da multitudinaria manifestación celebrada onte en Santiago de Compostela, “Galiza non é a mina do Partido popular” e reclamaron outro modelo de produción baseado no coñecemento e contra as explotacións mineiras que benefician só aos especuladores e multinacionais e destrúen “o noso territorio”.

Os parlamentarios recalcaron que, o Goberno galego non cumpre a lei do ano 2008 do Consello Galego de Minería para desenvolver o Plan sectorial de explotación extractivas presentando “ o Plan ao informe medioambiental” ser ter sido consencuado coas organizacións sindicais, colectivos en defensa da natureza e medio ambiente, organizacións de montes en mancomún e colexios profesionais”.

Carme Adán manifestou que “de non ser retirado o Plan”, o BNG presentará alegacións para ordenar a minería contando coa cidadanía galega.

 O PP quer abrir “Galiza en canal” para ceder os seus recursos a multinacionais baixo un modelo colonial

Pola súa parte, o portavoz do grupo parlamentario denunciou que o Partido popular pretende “abrir en canal a Galiza para ceder os seus recursos a grandes multinacionais” e aludiu ás 520 novas peticións de extraccións no territorio galego mesmo en “zonas que afectan a biosfera”.

Jorquera asegurou o proxecto de Corcoesto é “incompatible” cos aproveitamentos gandeiros, marisqueiros, forestais e turísticos da comarca de Bergantiños polo que reiterou a paralización da mina a ceo aberto así como o resto de peticións para novas actividades extractivas.

O deputado considerou que o modelo de Feijóo de “claras características coloniais” provocará a destrución de máis postos de traballo, os beneficios emigrarán e os custes serán internalizados convertendo en “pan para hoxe e fame para mañᔠa extración de ouro en Galiza.

Ofensiva política parlamentar do BNG contra o modelo colonial e agresivo de Feijóo

O parlamentario apostou por un modelo de desenvolvemento “sostible” baseado no aproveitamento dos nosos recursos e nas potencialidades do noso país.

De non mudar o modelo de Feijóo, dixo, o BNG continuará cunha “ofensiva política parlamentar” para parar o proxecto de Corcoesto e os proxectos de megaminería.

Seguiremos insistindo, engadiu, nos puntos da Proposición non de lei defendida no último pleno para anular a Declaración de Impacto Medioambiental positiva para esta Mina, “á vista de tres informes científicos” que reflicten graves consecuencias para saúde humana por mor das grandes concentracións de arsénico na zona da Mina e volveremos a reclamar que sexan denegadas as novas explotacións e investigacións mineiras mentres non se “dispoña dunha avaliación dos riscos.”

Jorquera concluíu esixindo a “inmediata retirada” do Plan sectorial de Actividades extractivas de Galiza ao que a Xunta lle concedeu o carácter de “Proxecto Industrial Estratéxico” a pesar de aplicar un modelo que conleva a “venda de Galiza por parcelas”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG