Jorquera: “Os datos do paro desmenten calquera anuncio de recuperación”

O deputado cualificou de “alarma de emerxencia nacional en Galiza” os datos da EPA que confirman o aumento do desemprego de 16.900 persoas no primeiro trimestre do ano

Comparecencia de Francisco Jorquera

O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera afirmou hoxe que os datos da Enquisa de Poboación activa, (EPA) publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), “desmenten calquera anuncio de recuperación” e confirman o “fracaso absoluto” das políticas de emprego da Xunta de Galiza”.

O deputado asegurou que o aumento de 16.100 persoas desempregadas no primeiro trimestre do ano coloca a Galiza en “alarma de emerxencia nacional” con 296.900 persoas en paro ademais de acadar o seu “record histórico” e ser a segunda comunidade na que máis sube o paro.

O PP non quere investigar o accidente de Angrois

Jorquera deu conta dos asuntos da orde do día da vindeira sesión plenaria onde novamente, e por cuarta vez, o PP volveu a rexeitar a petición do BNG pra crear unha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois.

Para o deputado, os novos datos aportados polo perito nomeado polo xuíz que instrúe o caso e que cuestionan a modificación do proxecto orixinal (xullo de 2010) e confirman que de ser operativo o ERTMS ata a estación de Santiago, “ o accidente non se tería producido” fai máis necesaria a unha investigación dos feitos.

Por outro lado, engadiu, a Asociación de vítimas tamén demandan a depuración de responsabilidades polo que , recalcou, “non cesaremos ata que se esclarezan esas responsabilidades, tanto no no ámbito penal como no político”.

Orde do día da vindeira sesión plenaria

Sobre os temas que se debaterán a vindeira semana na sesión plenaria , o portavoz do BNG anunciou entre outros: a Proposición de Lei que defenderá o grupo nacionalista para reclamar a transferencia dos servizos metereóloxicos radicados en Galiza, a iniciativa sobre a posición do Goberno para denunciar ante a ONU a discriminación da lingua Galega, unha proposición non de lei sobre os criterios do uso de fondos europeos para a pesca e unha moción sobre as consecuencias da sobreprodución na campaña do leite 2013-2014.Xunta de portavoces portada (2)

Asemade o BNG proporá “un fondo de compensación para as explotación lácteas galegas” , cumprir as sentenzas de devolución das pagas extras aos empregados públicos é preguntará ao Goberno polos reiterados retrasos na tramitación da RISGA e outras axudas sociais.

O BNG preguntará a Feijóo polas razón do problema demográfico

Finalmente, Jorquera anunciou que preguntará a Núñez Feijóo polas verdadeiras causas do problema demográfico en Galiza, xa que moito nos tememos ironizou , que “non obedecen ao uso excesivo de preservativos ou a que aos galegos e galegas non lles guste practicar o sexo no noso país”, máis ben, cremos que se deben á situación alarmante do desemprego, á emigración xuvenil e a falta de políticas de igualdade que fomenten a conciliación da vida laboral e familiar.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG