Contra a invisilidade das mulleres, Miranda levará a loita feminista das galegas tamén a Europa

 MIRANDA ACTO FEMINISTA BNG1O BNG denuncia a situación de retroceso nos dereitos e na igualdade real das mulleres, especialmente castigadas pola crise, nun momento en que recrúa a violencia machista e no que se lexisla en contra das conquistas que se daban por definitivamente ganadas despois de anos de loita, como o de decidir sobre o seu propio corpo, ameazado pola contrarreforma de Gallardón.

A candidata Ana Miranda, con outras mulleres da lista do BNG ás europeas, a actriz Isabel Risco, Vitoria Louro, activista feminista, e Alba Castanedo, moza estudante universitaria, protagonizaron un acto interactivo e teatralizado no salón de actos do IES Rafael Dieste na Coruña, un xogo escénico de sombras como metáfora da invisibilidade das mulleres.

Miranda salientou que a loita feminista “está en plena vixencia” e demandou “unha lexislación común nos 28 estados da Unión Europea sobre igualdade de xénero que impida retrocesos como o que supón a contrarreforma de Gallardón, porque non é posible que poda darse unha volta atrás sen precedentes no dereito das mulleres a decidir sobre o noso corpo, ante a indiferenza de Europa”.MIRANDA ACTO FEMINISTA BNG

Neste sentido, a candidata nacionalista ás europeas criticou que, “unha Europa que lexisla sobre todo, que nos da normas con rango legal sobre todos os aspectos da nosa vida, resulta que non ten nada que dicir cando se trata dos dereitos e da igualdade real das mulleres”.

A cabeza de lista do BNG, fixo un chamamento á participación masiva das mulleres nos comicios do 25 de maio, para mudar o actual modelo antisocial e antidemocrático que impón a Troika e a dereita, por unha Europa “da igualdade real das mulleres”.

“Todos e cada un dos votos ao BNG viaxarán a Europa para defender os dereitos das mulleres galegas, a loitar para nós e para o conxunto de mulleres europeas por unha unión que formule unha lexislación común aos 28 estados membros, que garanta os dereitos irrenunciábeis das mulleres”, insistiu.

A candidata tamén subliñou que o BNG “non se limita a ese feminismo progre, cosmético, que atende enquisas electorais e estratexias dos grandes partidos do sistema, que só reacciona con declaracións rituais ante as agresións máis bárbaras e retrógradas que debemos afrontar as mulleres, como a violencia machista ou o dereito ao aborto”.

“A denuncia e as propostas do BNG inclúen a loita contra esa lacra social da violencia machista, contra a lexislación retrógrada de Gallardón, pero inclúe tamén a desigualdade salarial, o sexismo social, a incidencia da crise económica nas mulleres ou denuncia do papel da Igrexa Católica”, concluíu Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG